Friday 22 de November de 2024

Rueda tende a man aos colexios médicos galegos para afrontar os retos que precisa a sanidade e para ofrecer aso cidadáns a atención que merecen


 Destaca o proxecto do Novo CHUAC, a maior obra pública que se impulsou na Coruña nos últimos anos cun orzamento de 430M€, e avanza que para finais de ano está prevista a posta en marcha dos hospitais de día, a ampliación de urxencias, unha nova planta de hospitalización e unha UCI

 Agradece aos profesionais sanitarios a súa entrega nos momentos duros da pandemia, un esforzo que quedou reflectido na entrega da Medalla de ouro e brillantes ao doutor Arturo Louro

 Anuncia que a Xunta vai renovar o convenio para que os médicos xubilados poidan seguir mantendo o acceso aos talonarios de receitas

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tendeu esta mañá a man aos colexios médicos galegos para afrontar os retos que precisa a sanidade e para ofrecer aos cidadáns a atención que merecen.

O titular do Goberno galego interveu na XIV edición do Encontro médico do Colexio Oficial de Médicos da provincia da Coruña nun acto no que estivo acompañado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e ao que asistiron, entre outros, o presidente do TSXG, José María Gómez y Díaz-Castroverde; o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, e o reitor da UDC, Julio E. Abalde, así como os colexiados e os doutores homenaxeados, xunto con presidente do Colexio organizador do acto, Luciano Vidán.

Rueda agradeceu aos profesionais médicos a súa dedicación e a súa entrega nos momentos duros da pandemia, un recoñecemento reflictido na entrega da Medalla de ouro e brillantes ao doutor Arturo Louro, que malia estar xubilado, se puxo á disposición dos doentes afectados pola covid. O presidente da Xunta subliñou que os profesionais sanitarios foron “un dos piares fundamentais” para superar a crise sanitaria.

Rueda tamén agradeceu a colaboración do colectivo médico a través dos seus colexios profesionais no asesoramento ao Goberno galego á hora de aplicar medidas que desemboquen nunha mellor calidade asistencial. Nese sentido, pediulles o seu apoio nas actuacións emprendidas para optimizar e mellorar os recursos, sobre todo en atención primaria, e que pasan, fundamentalmente, por poder contratar máis médicos. “Non é un problema de cartos”, recordou. “Por iso solicitamos ao Goberno central unha convocatoria extraordinaria de prazas MIR e a creación da especialidade de urxencias e emerxencias”.

Rueda asegurou tamén que a sociedade galega está en débeda cos médicos e comprometeuse a que o Goberno galego tería en conta a entrega do colectivo sanitario. Nese obxectivo enmarcou o anuncio de incentivos aos profesionais que reforcen os centros de saúde. “Sabemos que non é a solución definitiva, pero é un recoñecemento a un esforzo extraordinario, un máis dos que están a facer os profesionais da saúde”.

No transcurso do acto anunciou que a Xunta vai renovar o convenio para que os médicos xubilados poidan seguir mantendo o seu acceso aos talonarios de receitas e lembrou a aprobación no Consello da Xunta desta semana da ampliación da oferta de Enfermería ata as 1.300 prazas. Rueda destacou, ademais, que os orzamentos en gasto de persoal da Consellería de Sanidade aumentaran un 22,5% en relación ao ano 2009 e que, para o presente ano, atención primaria dispón de preto de 11 millóns de euros máis para o capítulo de persoal. Desde este ano, dixo, un total de 13.561 profesionais teñen un incremento retributivo vinculado ao recoñecemento dun novo grao da carreira profesional.

De forma paralela, a Xunta incrementou o esforzo inversor na dotación de medios materiais e equipamentos coa posta en marcha do Plan de infraestruturas sanitarias de atención primaria, con 34,3 millóns de euros para investir este ano, a segunda maior contía en 16 anos superada só no 2021 pola covid. “Se algo aprendemos na pandemia é que non hai mellor inversión que investir en sanidade”, recoñeceu.

O Novo CHUAC

Por último, Rueda incidiu en que se hai unha obra emblemática que vai marcar un antes e un despois nas infraestruturas sanitarias, é o Novo CHUAC, un complexo deseñado á medida das necesidades presentes e futuras da veciñanza da Coruña que conta cun orzamento de 430 millóns. O proxecto recolle o incremento nun 15% do número de camas, co dobre de habitacións individuais, con máis postos de urxencias, 500 consultas externas, 40 quirófanos e 230 postos en hospitais de día. Avanzou, ademais, que para finais de ano está prevista a entrada en funcionamento de dos hospitais de día, a ampliación de urxencias, unha nova planta de hospitalización e unha UCI.