Despois de sete meses de mobilizacións veciñais e a poucos días de que remate o curso escolar 2021-2022, a Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galiza é incapaz de aportar unha solución práctica ao problema de seguridade vial na AC-173 no Couto (Oleiros) da que é titular. Diante dunha demanda obxectiva como demostran o accidente entre dous coches acaecido o 22 de maio cun ferido no hospital e o atropelo de tres xabaríns o 10 de xuño, a Conselleira Ethel Vázquez segue a dar un exemplo de absentismo político pretendendo transferir a titularidade da vía ao Concello de Oleiros, fuxindo das responsabilidades obvias do seu cargo e tentando pasarlle a terceiros a toma de decisións. Desde o BNG de Oleiros seguiremos atentos como xa estivemos desde un primeiro momento a esta problemática a través do noso concelleiro Xurxo Martínez Caño e da deputada no parlamento galego Mercedes Queixas, apoiando a toda a veciñanza do Couto nunha reivindicación que é de xustiza.