Friday 22 de November de 2024

A Casa Museo María Pita acolle a exposición do proxecto artístico ‘La Huella’


O proxecto é unha colaboración entre o ceramista Víctor Ares, AFACO e a Escola Infantil dos Rosales

A exposición estará aberta ao público ata o 17 de xullo con entrada de balde

A concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación Cidadá, Yoya Neira, participou esta tarde na presentación da exposición “La Huella”, un proxecto artístico do ceramista Víctor Ares en colaboración coa Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer (AFACO) e a Escola Infantil dos Rosales.

AFACO e a escola infantil levan colaborando dende o ano 2013 nun proxecto de visitas, onde nenos e nenas de 0 a 3 anos interactúan con persoas maiores con demencia para estimular a súa memoria. Estes encontros, que dende o seu inicio tiveron moi boa acollida para ambas entidades, tiveron que paralizarse con motivo da pandemia da Covid-19.

Este ano, con motivo do regreso do proxecto, o ceramista Víctor Ares propuxo a creación dun mural colectivo no que os participantes puideran deixar a súa pegada. Na obra pode visualizarse de forma física o sentido simbólico do proxecto: a pegada que os nenos e nenas queren deixar na memoria das persoas maiores.

A concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación Cidadá, Yoya Neira, destacou a importancia de que o Concello da Coruña poña en valor este tipo de iniciativas, porque pon de manifesto o compromiso do Goberno de Inés Rey cos proxectos solidarios da cidade:

“Do mesmo xeito que os nenos e nenas deixan pegada nos máis maiores, o proxecto de ‘La huella’ deixará unha pegada imborrable na historia desta cidade” conclueu a concelleira.

Ademais, quixo agradecer o traballo de AFACO e a colaboración da Escola Infantil dos Rosales, así como de Víctor Ares por promover esta exposición. O mural poderá visitarse na Casa Museo María Pita ata o 17 de xullo, con entrada libre para todas aquelas persoas que desexen achegarse e coñecer o proxecto.