Saturday 16 de November de 2024

O luns abrirá a inscrición no programa de voluntariado que se realizará no concello co apoio da Xunta de Galicia


O obxectivo é promover a participación social da xuventude.

O Concello abrirá o luns o prazo de inscrición para que mozos de entre 16 e 30 anos de idade poidan solicitar a súa participación no programa de voluntariado xuvenil que se porá en marcha no municipio co apoio da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Este programa ofrece a posibilidade de participar como persoal de apoio aos técnicos especializados nas diferentes actividades municipais de tipo cultural, social, educativo, deportivo, xuvenil, medioambiental e de promoción do benestar das persoas maiores e da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres que se levarán a cabo nos próximos meses.

Os voluntarios recibirán a orientación, a formación e o apoio necesarios para o exercicio da súa actividade. Ao rematar a participación entregaráselles un certificado oficial que acreditará a súa colaboración e recoñecerá o seu valor social. Durante o desenvolvemento das xornadas tamén percibirán unha compensación económica diaria que cubrirá os gastos de manutención e transporte

O propósito final deste programa é fortalecer a aprendizaxe dos voluntarios e reforzar os seus valores solidarios. As persoas interesadas deben anotarse antes do 27 de xuño acudindo ao Concello ou descargando a folla de inscrición na web municipal alaracha.gal.