O Concello de Narón celebrou hoxe a tradicional Marcha Ciclista Escolar, na que participaron máis de 1.200 escolares de terceiro a sexto curso de Primaria de centros de ensino de Narón e tamén dun colexio de Neda. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Seguridade Cidadá, Román Romero, reuníronse cos menores no paseo de Xuvia, a donde chegaron dende os seus respectivos colexios en bicicleta.
Dende o equipo de Educación Viaria de Narón organizaron aos escolares en tres quendas, que saíron dos colexios nas bicicletas ás 10.15 horas para reagruparse, en función da súa ubicación, no estacionamento do Pazo da Cultura e na rotonda de Freixeiro. Participaron escolares dos centros de Piñeiros, Santiago Apóstol, Ayala, Virxe do Mar, A Gándara, CRA do Val, Ponte de Xuvia, Jorge Juan, A Solaina e O Feal, de Narón e tamén do Maciñeira, de Neda. No percorrido, estiveron acompañados polo equipo de Educación Viaria do Concello, Pedro Caneiro e Sonia López, e tamén por axentes da Policía Local de Narón, do Speis e de Protección Civil. Ferreiro e Romero agradeceron a súa colaboración e tamén a das nais e pais que os acompañaron, do Moto Club Fojeteiros, o Club Ciclista Narón, o club Ciclista As Cabritiñas, Vara e Pedal, Bici Work e do Beny Gym.
Sobre as 11.30 horas chegaron ao paseo de Xuvia, donde lles entregaron auga e un bocadillo. Alí compartiron xogos e un tempo de lecer con outros compañeiros e compañeiras e recibiron unha grata sorpresa cando o helicóptero Pegasus, da DXT, aterrou nunha zona vallada específicamente para a ocasión. Foi unha das grandes atraccións da xornada, e a súa presenza debeuse á colaboración da DXT co Concello nesta e outras iniciativas, estando onte en representación do organismo Federico Ceniza.
Sobre as 13.00 horas os escolares colleron de novo as súas bicicletas rumbo aos seus respectivos centros escolares, poñendo fin a unha marcha ciclista que se aprazou uns días debido ao mal tempo e que se organiza anualmente coincidindo co remate do curso escolar.
“Queremos dar as grazas a todos os participantes e colaboradores porque un ano máis a Marcha Ciclista Escolar de Narón foi todo un éxito”, asegurou Ferreiro. A alcaldesa agradeceu particularmente o traballo do equipo de Educación Viaria de Narón e destacou a importancia de impulsar este tipo de iniciativas conxuntas contando co apoio da DXT.