A Academia Galega de Teatro concedeulle ao director técnico do Padroado da Cultura, Luciano Fernández, un premio en recoñecemento ao seu labor na promoción e difusión da escena galega nas últimas catro décadas. Fernández recibiu onte á tarde o premio no Ateneo Ferrolán, donde estivo acompañado pola alcaldesa, Marián Ferreiro, familiares, amizades e numerosos representantes do sector teatral.
A presidenta da Academia, Inma Antonio, foi a persoa encargada de presentar o acto, que comezou ás 19.00 horas, e de entregarlle o premio. Así mesmo, interviñeron no mesmo Luma Gómez, actriz de Teatro do Noroeste, que falou do traxecto “Do Afeccionado ao Profesional” e entre o público estaban tamén o deputado provincial de Cultura, Xurxo Couto e o director do Centro Dramático Galego, Francisco Núñez.
Inma Antonio destacou a “bravura” de Fernández e recoñeceu “a súa carreira profesional como xestor cultural principalmente, aínda que non só no Concello de Narón”. Destacou na súa intervención “o seu fondo compromiso coa cultura, sobranceiramente do teatro galego” e do seu esforzo para crear o Padroado da Cultura, as Escolas Culturais… e a traballar man a man con compañías galegas, a través de coproducións ou proxectos de residencias teatrais. “Contribuiu á profesionalización da xestión cultural, algo fundamental para o desenvolvemento da actividade teatral no noso país”, recalcou a presidenta da Academia, que destacou “o seu firme compromiso, comprensión da realidade e amor polo seu oficio”, ao tempo que subliñou e agradeceu a súa dedicación.
No momento da recollida do premio, Luciano Fernández asegurou que “tomo este premio como un premio a toda a profesión, que somos moitos, máis ou menos visibles, máis ou menos apaixoados” e incidiu en que “para poder desenvolver un traballo como eu fixen era fundamental unha comprensión política, e sen o apoio que eu tiven dunha persoa que foi concelleiro de Cultura e despois alcalde de Narón, como Xosé Manuel Blanco –tamén presente no acto-, e outra persoa que foi concelleira de Cultura e despois alcaldesa, como Marián Ferreiro, sen a súa comprensión, sería imposible que Narón e que eu puidera facer o traballo que fixen”. “Fixemos unha política cultural pensando na cidadanía de Narón pero tamén no noso país, como un servizo público, e por iso nos implicamos en coproducir e facer esas residencias na medida das nosas posibilidades”, explicou. Fernández reivindicou o apoio das institucións ao sector teatral e a continuación, emocionado, tivo un recordo para a súa nai, Jacinta, e tamén palabras de agradecemento para a súa familia “que aguantaron moitas ausencias na casa por este traballo”.
A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, felicitou a Fernández polo traballo realizado dende a década dos 80, “contribuíndo a que Narón estivese sempre á vangarda e sexa a día de hoxe un referente no mundo cultural dentro e fóra de Galicia”.