A alcaldesa asistiu este venres a un encontro coa nova presidenta da Asociación de Empresarios do Polígono de Pocomaco, Lucía López Teijeira
A alcaldesa, Inés Rey, acompañada polo concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage Tuñas, visitou hoxe o polígono empresarial de Pocomaco para manter un encontro coa nova presidenta da Asociación de Empresarios do Polígono de Pocomaco, Lucía López Teijeira.
Inés Rey e José Manuel Lage Tuñas felicitaron a Lucía López Teijeira pola súa nova etapa á fronte da asociación, “sendo a primeira muller que preside a Asociación de Empresarios do Polígono de Pocomaco na súa historia”, tal e como recordou a rexedora.
Neste sentido, Inés Rey recalcou o compromiso do Goberno municipal para impulsar a actividade industrial e empresarial no polígono, e subliñou que o Concello “xa está traballando co ministerio para realizar xestións e garantir avances, canto antes, no referente á Cuarta Rolda, unha infraestrutura vital para A Coruña e o desenvolvemento dos polígonos industriais da cidade”.
Ademais, Inés Rey abordou coa nova xunta directiva o proceso de cesión do polígono de Pocomaco ao Concello, un paso necesario para que o Goberno municipal acometa melloras en áreas como, por exemplo, o transporte público. “O Concello traballa actualmente nun convenio de cesión co polígono para abordar esta demanda pendente”, afirmou a alcaldesa.
Por outra banda, tamén se tratou a posibilidade de habilitar unha nova zona de estacionamento no parque empresarial.
As melloras nos accesos ao polígono de Pocomaco
A mediados de marzo, e atendendo ás demandas veciñais, o Concello rematou os traballos para dotar ao polígono de Pocomaco dun acceso peonil e ciclista desde o barrio do Birloque, mellorando as conexións entre ámbalas zonas e apostando, ademais, por reforzar a mobilidade sostible e a seguridade vial coa apertura dun paso inferior baixo as vías do ferrocarril na intersección San Cristovo – Uxes, un acceso que permite o paso de peóns e ciclistas e cumpre con todos o estándares de accesibilidade. Esta intervención, que forma parte da Estratexia Integada de Desenvolvemento Urbano Sostible (EIDUS) na cidade, implicou un investimento de máis de 400.000 euros e foi cofinanciada, a un 50 %, con fondos europeos FEDER.
Ademais, e xa no pasado mes de maio, o Concello confirmou a licitación inminente dasobras para a creación dunha nova rotonda na zona das Rañas, unha infraestrutura que estará localizada no vial baixo a AC-14 e conectará o polígono de Pocomaco, o núcleo poboacional das Rañas e a zona comercial de Agrela, o que permitirá canalizar a alta densidade diaria do tráfico existente e mellorar a visibilidade neste enclave, crucial pola súa ubicación e importancia para o tecido empresarial e laboral da cidade.