A iniciativa inclúese no Programa de Fomento do Autoemprego das Mulleres e o prazo de inscrición finaliza o 14 de setembro
O Concello de Lousame porá en marcha a mediados do mes de setembro un Curso de Avicultura e Posta Ecolóxica. Esta acción formativa, que se encadra dentro do Programa de Fomento do Autoemprego das Mulleres, é de carácter gratuíto.
As inscricións deberán formalizarse nas oficinas da Concellaría de Igualdade de Lousame antes do próximo luns 14 de setembro. “Tras completar as prazas ofertadas, convocarase ás persoas inscritas a unha reunión onde se acordarán as datas e horarios das sesións coa intención de ofertar a maior flexibilidade posible para que as mulleres interesadas poidan conciliar esta formación coa súa vida familiar”, indican dende este departamento municipal.
O curso terá unha duración de 25 horas, con sesións tanto teóricas coma prácticas. Estas últimas desenvolveranse nunha explotación avícola de posta ecolóxica e nunha empresa artesanal ecolóxica de aves e despezado, ambas ubicadas no municipio de Rois.
O persoal docente estará composto por unha enxeneiro agrónoma, unha veterinaria e outro veterinario pertencente á Asociación AVIMÓS. As sesións formativas desenvolveranse nas instalacións da antiga escola de Sanguiñal e estarán divididas nun total de oito xornadas, seis teóricas –de 3 horas cada unha- e dúas prácticas.
No tocante aos contidos, o programa contempla para a primeira xornada nocións sobre anatomía da galiña, razas, reprodución e alimentación. Na segunda, falarase sobre sistemas de cría, hixiene e profilaxe e enfermedades e tratamentos. A terceira sesión teórica centrarase na orientación da produción avícola (ovos, cría, carne, mixta, transformados de galiña, etc.); instalacións para as diferentes orientacións produtivas, matadoiros de Galicia e materiais e equipamentos precisos segundo as producións.
A cuarta xornada adicarase ás as normativas para a cría ecolóxica de aves de posta, hixiénico-sanitarias, e de avicultura artesanal. Tamén se falará sobre os rexistros sanitarios e gandeiros precisos para desenvolver este tipo de actividade.
O quinto día de curso centrarase no asociacionismo no sector avícola, así como nos rexistros de razas autóctonas e das axudas existentes por parte das diferentes administracións. Finalizarán as sesións teóricas cos plantexamentos para o inicio dunha explotación avícola de posta ecolóxica, aportando detalles sobre as normativas dos mercados e venda directa, os canais de comercialización e o asociacionismo para a produción e venda.