· A instalación abre hoxe, venres 17 de xuño.
· O Concello convoca, ademais, os cursos de natación para os meses de xullo e agosto.
Carral inaugura hoxe, venres 17 de xuño, a nova tempada de verán coa apertura das piscinas municipais. A piscina funcionará de luns a domingo de 12.00 a 21.00 horas. Como todos os anos, o Concello ofrecerá diferentes modalidades de abono. Ademais da entrada individual diaria –que contará con bonificacións para a 3ª idade e para menores de 18 e persoas minusválidas-, haberá abonos familiares e individuais para toda a tempada de verán. Os menores de 3 anos poderán acceder de xeito gratuíto.
As piscinas contarán con varios socorristas para a súa vixilancia. Os bañistas deberán usar roupa de baño e chanclas, sendo recomendable, ademais, o emprego de gorro.
Cursos de natación
Un ano máis, o Concello convoca os cursos de natación dirixidos a nenos e nenas de entre 3 e 15. As actividades levaranse a cabo entre as 11.00 e as 14.00 horas nos meses de xullo e agosto (desde o 1 ao 29 de xullo e do 1 ao 31 de agosto).
O alumnado estará distribuído en grupos segundo as idades, e dentro de cada grupo estableceranse diferentes niveis de iniciación e perfeccionamento.
O prazo de inscrición para os cursos de xullo estará aberto entre o 20 e o 28 de xuño, mentres que a inscrición para os do mes de agosto irá desde o 15 ao 28 de xullo. As persoas interesadas poderán informarse ou anotarse no Complexo Deportivo de Carral.