— Román Rodríguez destaca que esta rehabilitación integral dota o centro de espazos máis amplos e máis saudables, adaptados aos criterios establecidos polo Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica
— A actuación centrouse na mellora do illamento e da eficiencia enerxética do centro, aínda que tamén se instalou unha nova biblioteca e se incrementou a accesibilidade
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou esta mañá o colexio CEIP Plurilingüe San Marcos, na localidade coruñesa de Abegondo, onde o seu departamento vén de rematar a obra de rehabilitación integral deste centro, por importe de máis de 770.000€.
O representante da Xunta de Galicia destacou que esta rehabilitación integral dota o centro de espazos máis amplos e máis saudables, adaptados aos criterios establecidos polo Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, dotado con 191M€.
Neste sentido, lembrou que esta folla de ruta de todas as actuacións en materia de obras educativas aposta por espazos abertos e multifuncionais que dean resposta ás necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas do século XXI. “Un novo modelo de colexios e institutos poscovid onde a arquitectura teña unha orientación educativa, con espazos flexibles, adaptables e cómodos e que, ademais, sexan eficientes desde o punto de vista medioambiental ”, destacou.
Eficiencia enerxética
De feito, tal e como explicou, boa parte das actuacións realizadas no colexio CEIP Plurilingüe San Marcos foron orientadas á mellora da eficiencia enerxética do centro. En concreto, acometeuse a substitución da totalidade da cuberta por unha nova de panel sandwich, así como a colocación de illamento exterior tipo SATE nas fachadas.
Ademais, mudáronse as carpinterías exteriores por outras de aluminio con rotura de ponte térmica e dobre vidro baixo emisivo e instalouse iluminación tipo LED tanto no edificio orixinal como nas ampliacións do mesmo.
Melloras na biblioteca e de accesibilidade
A través desta rehabilitación, o centro conta tamén cun novo espazo de biblioteca, con maior ventilación e iluminación natural, grazas á habilitación para este uso de dúas antigas aulas.
A maiores, realizáronse varios traballos de mellora da accesibilidade, como a reforma das ramplas de acceso ao edificio orixinal e dos aseos.