O prazo de inscrición para as actividades abrirase o vindeiro mércores 22 de xuño, por vía telefónica
Os obradoiros, que terán lugar entre o 2 de xullo e o 27 de agosto, están orientados a pequenas e pequenos en idade de 6 a 12 anos
O Concello abrirá o vindeiro mércores 22 o prazo de inscrición para os talleres infantís de verán que se levarán a cabo no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón e no Castro de Elviña, cunha oferta de nove actividades e un total de 180 prazas dispoñibles.
Os obradoiros, orientados a nenas e nenos en idade de 6 a 12 anos, comezarán o día 2 de xullo e rematarán o 27 de agosto. Durante este período, as pequenas e pequenos participantes aprenderán a deseñar xoias similares ás dos tempos prehistóricos, coñecerán polo miúdo as lendas mariñeiras do pasado, a historia e significados dos petróglifos, así como a das pinturas rupestres; converteranse, por un día, en copistas medievais practicando caligrafía da época; recibirán formación para a fabricación de recipientes cerámicos; achegaranse ás orixes do lume e á importancia das técnicas de produción; e poderanse adentrar tamén nas instalacións do Castro de Elviña para coñecer as tarefas dos
equipos de arqueoloxía mediante unha excavación simulada.
As actividades, con 20 prazas dispoñibles por taller, terán unha duración de entre hora e media e dúas horas. A inscrición previa, que se levará a cabo por orde de reserva, poderá executarse a partir deste mércores 22, a través do número de teléfono 981 189 850 (en horario de 10.00 a 20.00 horas).
Os obradoiros, datas e horarios previstos na programación de verán son os seguintes:
Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón (sábados, ás 12.00 horas)
1. 2 de xullo: ‘Artistas orfebres’.
2. 9 de xullo: ‘Mitos e lendas do mar’.
3. 16 de xullo: ‘O rastro nas pedras’.
4. 23 de xullo: ‘Copistas medievais’.
5. 6 de agosto: ‘Mans á masa coa cerámica’.
6. 13 de agosto: ‘Artistas do pasado: Desde cando existen os artistas?’
7. 27 de agosto: ‘Iluminando San Antón’.
Castro de Elviña (sábados, ás 11.30 horas)
1. 30 de xullo: ‘A vida baixo terra’.
2. 20 de agosto: ‘Na busca do tesouro’.
Para garantir o correcto seguimento das actividades, e dado que se levarán ao aire libre, recoméndase o uso de roupa e calzado cómodo, levar unha botella de auga e o uso de protección solar.