Saturday 16 de November de 2024

A Xunta inviste máis de 500.000€ no segundo edificio da Área Rexurbe da Coruña para rehabilitalo e ofrecer vivendas protexidas


— O Instituto Galego da Vivenda e Solo adquire unha edificación de 4 plantas, catalogada dentro do ámbito de protección do Plan Especial de Reforma Interior (PEPRI) da Cidade Vella e a Pescadería

— Ángeles Vázquez salienta que a compra deste inmoble supón o maior investimento realizado ata o momento ao abeiro do Programa Rexurbe

A Xunta de Galicia acaba de comprar por algo máis de 520.000 euros un edificio na cidade da Coruña para rehabilitalo e destinalo á construción de vivendas de promoción pública. Trátase do segundo inmoble adquirido polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) dentro do ámbito da área Rexurbe, declarada en maio de 2020 e coa que a cidade herculina se converteu no segundo municipio galego en apostar por esta figura de impulso integral á rehabilitación.

Logo de formalizar a operación de compra venda e durante unha visita ao inmoble, localizado no número 88 da rúa San Andrés, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou que a compra deste edificio supón o maior investimento realizado ata o momento ao abeiro do Programa Rexurbe.

Cun total de catro plantas, un local comercial e baixo cuberta, a responsable autonómica explicou que se trata dun edificio catalogado dentro do ámbito de protección do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) da Cidade Vella e Pescadería.

Está nun estado de conservación deficiente, polo que a conselleira indicou que o IGVS executará as actuacións que se consideren necesarias para evitar posibles riscos ou desprendementos.

Durante a visita, Ángeles Vázquez lembrou que o Goberno galego puxo en marcha no ano 2018 esta iniciativa co obxectivo de localizar, comprar e rehabilitar con fins residenciais inmobles en estado de abandono ou deteriorados en conxuntos históricos e zonas degradadas.

No caso concreto da Coruña, a área Rexurbe abrangue unha superficie de 80.000 metros cadrados que inclúe a zona coñecida como Pescadería —San Andrés, Orzán e Panadeiras— e tamén a Cidade Vella —que se estende pola contorna entre as prazas de Santa Bárbara, Santo Domingo, Azcárraga e a Colexiata de Santa María do Campo—. De feito, o primeiro inmoble adquirido na cidade ao abeiro desta iniciativa, por case 400.000 euros, localízase na rúa Santa María, en pleno corazón da Cidade Vella. Na convocatoria de 2021 foron admitidas 5 ofertas, pero tres delas foron retiradas por parte dos propietarios dos inmobles.

Por último, explicou que ao abeiro da convocatoria do ano pasado e tras analizar as propostas recibidas, o IGVS adquiriu 9 inmobles por un importe de case 1,2 millóns de euros nos concellos da Coruña –2 edificios e un investimento de máis de 915.000 euros-, Ribadavia –4 inmobles aos que se destinaron case 80.000 euros- e Tui, onde se investiron algo más de 200.000 euros na adquisición de 3 inmobles.

En todo caso, a conselleira lembrou que a Xunta incluíu de novo á cidade herculina na oferta de adquisición convocada o pasado mes de abril no marco do Programa Rexurbe co obxectivo de que o IGVS poida adquirir máis inmobles para rehabilitar e poñer á disposición dos coruñeses novas vivendas protexidas destinadas ao alugueiro social. Os propietarios interesados teñen ata o vindeiro 15 de xullo para presentar as súas ofertas.
Balance do Programa Rexurbe
O Goberno galego puxo en marcha en 2017 o programa Rexurbe. Na actualidade, xa ten comprometidos máis de 31,5 millóns de euros na adquisición e rehabilitación de 85 inmobles emprazados nos centros históricos, cos que prevé obter preto de 150 vivendas de promoción pública.

Por outra banda, cómpre lembrar que xa existen seis áreas Rexurbe —figura creada coa Lei de rehabilitación de 2019— declaradas en Galicia: Mondoñedo (declarada en febreiro de 2020), A Coruña (maio de 2020), Ribadavia (xullo de 2020), Tui (xullo de 2021), Ribadeo (decembro de 2021) e Ferrol (xaneiro de 2022).