— Todas as probas serán en centros educativos, ben sexan colexios, institutos ou centros de FP e universitarios
— Con carácter xeral, a hora de presentación para os 222 tribunais será as 9 da mañá, salvo excepcións puntuais, e a primeira probas desenvolverase ás 11,00 horas
— Optan a 2.484 prazas públicas
Preto de 23.000 persoas concorrerán este sábado e domingo ás oposicións de educación nas 145 sedes habilitadas pola Xunta en 14 localidades de toda Galicia. En concreto, as probas para o corpo de mestres comezarán mañá, sábado 18 de xuño, mentres que para o resto (inspectores, profesores de ensino secundario, de escolas oficiais de idiomas e de artes plásticas e deseño) serán o domingo 19. Todas elas optan ás 2.484 prazas.
As 145 sedes (60 na provincia da Coruña, 15 na de Lugo, 19 na de Ourense e 51 na de Pontevedra) serán na súa totalidade centros educativos, ben sexan colexios, institutos, centros integrados de FP ou centros universitarios. Estarán situadas na cidade da Coruña, en Culleredo, Ferrol, Narón, Santiago de Compostela, na cidade de Lugo, Monforte de Lemos, na cidade de Ourense, no Carballiño, na cidade de Pontevedra, Marín, Lalín, na cidade de Vigo e en Vilagarcía de Arousa.
Con carácter xeral, a hora de presentación para os 222 tribunais será as 9 da mañá, salvo excepcións puntuais, e a primeira proba desenvolverase ás 11,00 horas. En calquera caso, as persoas opositoras teñen toda a información dispoñible no Portal Educativo. Cómpre lembrar que, ao abeiro do acordo asinado coas organizacións sindicais, as persoas interinas e substitutas non estarán obrigadas a presentarse ao procedemento.
É o segundo ano consecutivo na que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades descentraliza o proceso de oposicións. O proceso desenvolverase segundo o sistema habitual, ofrecendo certezas ás persoas que levan anos preparando estas probas.
4.000 prazas en marcha
Estas prazas súmanse á oferta de emprego público de estabilización, que elevan a cas 4.000 as prazas no ensino que se convocarán este ano, seguindo a xeira de máis de 13.000 prazas ofertadas polo Goberno galego nos últimos anos neste eido, nunha clara aposta por mellorar as condicións de traballo dos docentes.
Deste xeito, a Xunta de Galicia prevé rematar estes procesos en 2023 cunha taxa de interinidade docente do 6% no conxunto das prazas. Isto supón dous puntos menos do 8% que esixe o Goberno central para finais de 2024, obxectivo que Galicia xa cumpre, mentres que a media estatal é do 25%.
A maiores deste proceso, sumaranse as prazas do extinto corpo de profesores de FP. Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia xa aprobou a Oferta Pública de Emprego (OPE) paras estas prazas de FP, pero non poderá convocarse ata que o Ministerio de Educación desenvolva a nova lei de Formación Profesional. Isto afecta ao novo corpo que se crea (profesores especialistas en sectores singulares da FP) e ás especialidades do extinto corpo de profesores técnicos de FP (suprimido pola nova lei de Educación) e que se integran no corpo de profesores de ensino secundario.