O proxecto ‘Equilibrio-Balance’ está liderado polo Instituto da Muller e conta coa participación dos concellos galegos de Cambre, Verín e Vilagarcía de Arousa
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistiu esta mañá ao seminario final do proxecto Equilibrio-Balance, “Conciliación e corresponsabilidade. Debuxando un modelo social”, que se celebrou na sede da Secretaría de Estado de Servizos Sociais e Igualdade, en Madrid.
O proxecto Equilibrio-Balance desenvolveuse entre os anos 2013 e 2015, liderado polo Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades (www.inmujer.es) e coa participación da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e a Asociación Noruega de Autoridades Locais e Rexionais (KS).
No proxecto participaron un total de quince municipios españois e tres noruegueses. Dos españois, tres eran galegos: Cambre, Verín e Vilagarcía. O obxectivo fundamental desta iniciativa era o deseño e implementación de plans de conciliación externos nos concellos participantes, contando desde o primeiro momento cos axentes sociais de cada localidade; ademais de apoiar accións que permitan conciliar os tempos dedicados á vida persoal, familiar e laboral e fomentar a corresponsabilidade.
O seminario final, ao que asiste López Abella, foi inaugurado esta mañá pola secretaria de Estado de Servizos Sociais e Igualdade, Susana Camarero, o secretario xeral da FEMP, Ángel Fernández, e o embaixador de Noruega, Johan Cristopher Vibe. A continuación haberá tres mesas redondas centradas no “Cambio de actitudes”, as “Políticas públicas e servizos relacionados coa conciliación e a corresponsabilidade” e a “Sensibilización”. Na primeira delas participará como poñente un representante do Concello de Cambre.
O seminario continuará con outra xornada mañá, na que haberá outras tres mesas redondas, neste caso sobre “Emprego e vida laboral”, “Racionalización de horarios en España” e “O modelo social da UE e do EEE, con especial referencia a España e Noruega”, así como unha sesión final dedicada ás conclusións e os retos futuros. Dous representantes dos concellos de Verín e Vilagarcía participarán na primeira destas mesas redondas.