Friday 22 de November de 2024

O Teatro Rosalía pecha o Ciclo Principal de Primavera cunha dobre función de “Los Santos Inocentes”


A obra, protagonizada por Javier Gutiérrez, representarase o venres 17 e sábado 18 ás 20.30 h

O Ciclo Principal de Outono abrirá o 23 e 24 de setembro, coa representación de “Una noche sin luna” de Juan Diego Botto sobre textos de Federico García Lorca

O Teatro Rosalía de Castro abrirá as súas portas esta fin de semana para as últimas funcións do Ciclo Principal de Teatro-Primavera 2022. “Los Santos Inocentes”, protagonizada por Javier Gutiérrez e dirixida por Javier Hernández–Simón, terá lugar os vindeiros venres 17 e sábado 18 nunha dobre  función como ocaso da programación do ciclo.

“Los Santos Inocentes” é unha adaptación teatral da célebre obra de Miguel Delibes, na que o autor fai un retrato da España rural dos anos 60 onde, a través de dúas familias (os donos dun casarío e a familia de labregos que lles serven), trátanse temáticas como a liberdade ou as relacións de poder. Javier Gutiérrez, actor galego de longa traxectoria, porase na pel de “Paco el bajo”, retratando a crueldade e os abusos que sobre el exerce o señorito Iván (Jacobo Dicenta) no sistema feudal.

A obra de Delibes representa unha das pezas literarias máis laureadas do século XX, adaptada agora por Javier Hernández–Simón para reflexionar sobre a sociedade actual e o progreso dende o pasado século. Un texto que, pese a súa historia, segue estando de actualidade e que pretende actuar co público coma un espello, poñendo diante dos seus ollos unha realidade que todavía hoxe está presente.

As entradas para asistir ao espectáculo, tanto na función do venres 17 como do sábado 18, están á venda e dispoñibles a través da páxina web de Ataquilla.com e tamén no despacho de billetes central do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) da praza de Ourense (de 11.00 a 15.00, e de 16.30 a 19.30 horas), con prezos de 5 a 21.50 euros para o público xeral. Os pases tamén poderán adquirirse o día da actuación, nos despachos de billetes do teatro Rosalía de Castro (de 16.00 a 20.00 horas), sempre que haxa entradas dispoñibles.

Peche do Ciclo Principal de Teatro-Primavera 2022
O Teatro Rosalía de Castro acolleu este ano unha nova edición do Ciclo Principal de Teatro-Primavera 2022, que comezou coa representación de “True West” o 28 e 29 de xaneiro. Un total de 12 obras teatrais estiveron presentes enriba das táboas do Teatro Rosalía co gallo do ciclo, que remata esta fin de semana con “Los Santos Inocentes”.

Esta edición, marcada todavía no seu inicio pola Covid-19, foi a primeira do teatro Rosalía en recuperar o abono post-pandemia. Ademais, as últimas funcións representáronse xa con normalidade, con capacidade completa e sen uso obrigatorio de máscaras, volvendo de forma paulatina á situación previa á Covid-19.

O Goberno de Inés Rey segue avanzando no seu obxectivo de posicionar A Coruña como capital cultural, apostando pola programación de ciclos de artes escénicas con compañías de relevancia nacional e autonómica e achegando a cultura á cidadanía.

O teatro Rosalía de Castro abrirá a programación do vindeiro Ciclo Principal de Outono coa
obra “Una noche sin luna”, de Juan Diego Botto, os días 23 e 24 de setembro. Un espectáculo dirixido por Sergio Peris-Mencheta con textos de Federico García Lorca, que volve á Coruña despois da súa programación no marco do Ciclo TRC Danza para encher as butacas do Rosalía tras as restricións pandémicas.