Friday 22 de November de 2024

A Policía Local reforzará a súa presenza nas rúas para contribuír a unha maior seguridade durante as nosas festas


Efectivos da Unidade de Seguridade Cidadá (USECI) da Garda Civil estarán en Carballo nos días de maior afluencia

Despois de dous anos sen festas, queremos que toda a veciñanza e os milleiros de persoas que se achegarán ata Carballo nos vindeiros días desfruten dun San Xoán o máis tranquilo e seguro posible. Con esa intención, a Concellaría de Mobilidade e Seguridade presentou hoxe un dispositivo especial de seguridade, froito dunha xuntanza celebrada entre os mandos da Policía Local e a Garda Civil.

O dispositivo arrincará o sábado 18 e manterase ata o domingo 26, último día da Semana Grande de Carballo. Durante este período estarán operativos o 100% dos/as axentes da Policía Local e realizaranse máis de 170 servizos. O obxectivo é «alcanzar un clima de seguridade e tranquilidade para estas celebracións, intentando previr calquera tipo de incidente”, indicou o xefe da Policía Local, Roberto Mosquera.

Para conseguilo reforzaranse as patrullas a diario e extremarase a vixilancia, especialmente en horas nocturnas. A presenza policial será continuada nas zonas de maior afluencia, xa en cada quenda de traballo estarán operativos entre cinco e oito axentes, e nos momentos de maior afluencia poderán chegar ata 19 “para que o calendario festivo transcorra con total normalidade e coa vistosidade que merecen as festas patronais”, sinala Mosquera.

Grazas á colaboración entre Policía Local e Garda Civil, todas as noites estarán operativas entre catro e cinco patrullas, e nos actos de maior afluencia contarán co reforzo de equipos especializados da Unidade de Seguridade Cidadá (USECI). Controis de seguridade cidadá, presenza policial nas zonas e actos de máxima aglomeración e vixilancia constante serán as claves para intentar reducir ao mínimo as incidencias.

Cambios no tráfico e nos aparcamentos
A celebración do San Xoán implica unha serie de cambios tanto no tráfico coma nos aparcamentos. Por unha banda, a Policía Local modificará as pautas de circulación habituais nun total de 12 rúas coincidindo coas procesións relixiosas, entre elas a Gran Vía, á altura da rúa do Sol, e a praza de Galicia.
Así mesmo, a partir das 22.00 horas quedará pechada a rúa Estrela.

Ademais, toda a contorna da Praza do Concello, que inclúe as rúas Cervantes, Colón, Desiderio Varela e Coruña, estará pechada ao tráfico durante as festas para facilitar o tránsito peonil.

En canto aos aparcamentos, para facilitar o seu uso tanto por parte da veciñanza coma das persoas que nos visitan, a Zona Azul quedará sen efecto durante toda a Semana Grande, do 20 ao 26 de xuño.
O xefe da Policía Local pide desculpas de antemán á veciñanza polas molestias que poida ocasionar o peche de rúas e convida a comunicar calquera anomalía que poida detectarse ben chamando á Policía Local aos números 092 ou 981 701 722, á Garda Civil ao 981 704 065 ou ao 112.