O consistorio e a empresa que coordinará o servizo acordaron dotar o campamento cun monitor máis durante o mes de xullo para que ningún neno ou nena quedase sen praza
Igualdade só rexeitou unha das 43 peticións recibidas por non axustarse aos requisitos establecidos nas bases do programa de conciliación
O Concello de San Sadurniño resolveu hoxe mesmo provisionalmente o expediente das 43 solicitudes de praza presentadas para a quenda de xullo da Aldea de Verán. Agás unha, que dispón de cinco días hábiles para presentar alegacións, todas as demais foron admitidas, de modo que as familias que non o fixesen aínda -todas as de fóra do concello- deberán efectuar o pagamento do importe correspondente para poder enviar a rapazada a este servizo de conciliación que botará a andar o día 1 de xullo. Do total de peticións 27 son para nenas e nenos empadroadas en San Sadurniño, 6 pertencen a familias con vinculación laboral no territorio, 7 son de cativería doutros concellos pero matriculada no noso CPI e as 3 restantes son para crianzas que non teñen ningunha relación co municipio.
A asignación das prazas da Aldea de Verán fíxose seguindo os criterios de prioridade establecidos nas bases, nas que se lles dá prioridade -por esta orde- ás familias empadroadas no concello, ás que teñan vencellos laborais no territorio, ás nenas e nenos que non sexan de San Sadurniño pero que veñan aquí á escola e, por último, calquera outra petición recibida, atendendo unicamente á orde de entrada no rexistro municipal.
Inicialmente ofertábanse 35 prazas, pero o Concello e máis a empresa que xestionará o campamento acordaron ampliar o servizo cunha persoa de monitoraxe máis, de maneira que se puideron admitir 42 das 43 peticións recibidas. A única rexeitada foino por tratarse dunha petición relativa a unha crianza que non estivo escolarizada no presente curso, un dos requisitos recollidos nas bases para poder gozar do servizo de conciliación estival que se desenvolverá nas quendas de xullo e agosto. En calquera caso, a solicitude en cuestión dispón de 5 días hábiles contados desde este venres para presentar as alegacións que considere.
As prazas ás que se refire a resolución de hoxe son as da quenda de xullo. As familias empadroadas en San Sadurniño xa pagaron a matrícula, mentres que as de fóra deberán satisfacer a taxa segundo corresponda (horario de entrada elixido, se hai desconto por segundo irmán/irmá ou posteriores…) ingresando ou transferindo o importe á conta do Concello en ABANCA: ES74-2080-0208-01-3110000059. Desde a área de Igualdade insístese en que no concepto se faga constar o nome e o apelido da nena ou neno e tamén cal é a mensualidade que se está abonando.
Xuntanza informativa
O departamento municipal de Igualdade emprazou a todas as familias admitidas a unha xuntanza informativa que terá lugar no patio interior do Concello -se chovese buscaríase alternativa- o mércores 29 de xuño ás 19:00h.
Nese encontro presentarase o equipo de monitoraxe que coordinará o campamento e tamén se explicará o programa educativo e de actividades que se vai levar a cabo durante os próximos dous meses, ademais de facilitarlle ás familias outra información do seu interese.
A data de inicio da quenda de xullo da Aldea de Verán está fixada para o venres 1. Igualdade prégalles ás familias que respecten a data de comezo e que envíen os nenos e nenas xa ese primeiro día, aínda que sexa ás portas de fin de semana, coa finalidade de que os grupos vaian coñecéndose e de que se adapten o antes posible á dinámica diaria.
A cativería inscrita -toda con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos- empezará con distintos horarios segundo as preferencias expresadas polas familias. Os máis madrugadores e madrugadoras entrarán ás 8:30h e o resto iniciarán a mañá entre as 9:30 e as 10:00 h, rematando en ambos casos ás 14:30 h. As actividades desenvolveranse no ximnasio do CPI, salvo aquelas que se fagan no marco de visitas a outros espazos.
Desde o Concello lémbrase, por último, que o prazo de solicitude da Aldea de Verán para a quenda de agosto permanecerá aberto entre o 1 e o 12 de xullo, ambos días incluídos.