Friday 22 de November de 2024

O concello presenta á Xunta un novo proxecto de Programa Integrado de Emprego


Na Xunta de Goberno Local tamén se acordou concorrer á convocatoria de axudas da Consellería de Política Social para un programa de voluntariado sénior.

Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse presentar á Xunta de Galicia un novo proxecto de programa integrado de emprego ao abeiro da convocatoria de subvencións da Consellería de Emprego e Igualdade para o desenvolvemento deste tipo de iniciativas.

Despois das boas experiencias dos últimos anos nas que se desenvolveron iniciativas de similares características, o Concello aspira a realizar este novo programa dirixido a un máximo de cen persoas en situación de desemprego que serían informadas, orientadas e asesoradas na busca de emprego con entrevistas individualizadas e, a continuación, recibirían formación transversal en diversas materias e específica en especialidades concretas con demanda de profesionais cualificados nos sectores hostaleiro, loxístico e das novas tecnoloxías. Por último, realizaríanse prácticas profesionais non laborais en empresas.

Este programa foi deseñado coa pretensión de aproveitar as oportunidades laborais que ofrece o termo municipal da Laracha e o seu entorno en sectores con crecente demanda de perfil profesionais. As accións formativas serían orientadas cara eses ámbitos, acompañando aos participantes nos seus itinerarios individualizados para aumentar as súas capacidades. O obxectivo final sería acadar unha inserción laboral dun mínimo do trinta e sete por cento.

Na Xunta de Goberno tamén se acordou que o Concello concorrerá á convocatoria de axudas da Consellería de Política Social para o financiamento dun novidoso programa dirixido a activar e implantar o voluntariado sénior no municipio.

A iniciativa iría dirixida a persoas maiores de 55 anos de idade, ás que se lles ofrecería a posibilidade de colaborar con diferentes iniciativas en beneficio de diferentes colectivos de poboación vulnerable ou en risco de exclusión. O proxecto encerra un gran potencial en materia de axuda mutua, xa que posibilitaría lograr unha maior implicación e integración na comunidade dos voluntarios.
Salientar, por último, que foron concedidas tres licencias urbanísticas.