Por primeira vez, o contrato abrangue un lote específico para a posta en marcha dun soporte orientado ao control de calidade dos traballos, con informes periódicos e revisións in-situ
O Goberno municipal promoverá, ademais, a inserción laboral de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social
O Concello da Coruña aprobou este xoves, en Xunta de Goberno Local, a licitación do servizo de conservación, mantemento e mellora da infraestrutura verde e azul da cidade. O Goberno de Inés Rey, a través da Concellaría de Medio Ambiente e Sostibilidade, dispón dun orzamento récord orientado a reforzar o tratamento e seguimento de todas as áreas verdes no termo municipal: serán case 23 millóns de euros —7,6 anuais— para a licitación de cinco lotes. Unha vez adxudicados, o servizo terá unha duración mínima de tres anos, que serán prorrogables por dous máis ata un máximo de cinco.
“Este contrato responde ao noso compromiso de recuperar, poñer en valor e coidar todas as contornas naturais da cidade”, sinalou a alcaldesa, Inés Rey. Neste sentido, a rexedora detallou que “lonxe de actuacións puntuais, queremos atender de xeito integral todos o espazos verdes da cidade, e darlle unha continuidade á súa conservación e mantemento”, actuando sobre parques, zonas forestais, ecohortas e xardíns, así como parcelas e soares non edificados, de titularidade municipal ou sobre os que deba actuar o Concello.
Neste sentido, e por primeira vez, este servizo contará cun soporte orientado ao control de calidade das tarefas realizadas, tanto en áreas verdes (infraestrutura verde) como nos accesos a praias, liña de costa, ríos e estanques naturalizados (infraestrutura azul). Para isto, licitarase un lote específico para que a dirección técnica municipal dispoña dun servizo de asistencia e control. Así, existirán informes periódicos para garantir o debido cumprimento dos traballos de conservación e mantemento; haberá revisións in-situ das incidencias; levarase a cabo unha vixilancia ambiental de, por exemplo, a calidade da auga do mar; e tamén unha supervisión das medidas de seguridade ante alertas meteorolóxicas.
Ademais, o servizo de conservación e mantemento das áreas verdes da cidade levará a cabo unha actualización do inventario de arboredo existente na Coruña, así como un seguimento do estado do mobiliario urbano e as zonas de paso en enclaves como a contorna da Torre de Hércules, así como nos circuítos interiores dos xardíns de Méndez Núñez, xardíns de San Carlos, monte de San Pedro, e os parques de Bens, Santa Margarida, Adolfo Suárez, Oza, Eirís, San Diego e parque Europa. “Atenderemos, de forma integral, todos os espazos verdes de titularidade municipal cos que contamos na cidade”, certificou a alcaldesa.
A inserción laboral
Ademais, a través do servizo de mantemento e conservación das áreas verdes da cidade, o Goberno municipal impulsará a inserción laboral grazas á licitación dun lote específico reservado a centros especiais de emprego ou empresas de inserción, promovendo a contratación de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. “Falamos, en definitiva, dun importante investimento anual, de 7,6 millóns de euros, co obxectivo de darlle aos espazos naturais da Coruña os coidados que merecen”, valorou a alcaldesa, Inés Rey