O Consello de Administración da empresa Cosma adxudicou este mediodía as obras de ampliación da rede de saneamento na parroquia de Sedes. A alcaldesa da cidade e presidenta de Cosma, Marián Ferreiro, apuntou que se destinará aos traballos unha partida de 625.601,85 euros, con cargo á que a empresa Construcciones González y González acometerá os traballos previstos.
“O proxecto a materializar permitirá recoller os verquidos de tres núcleos de poboación da parroquia de Sedes, os de Salgueiral, Sabín e Barreiros e dando servizo a unhas 75 vivendas ao conectar coa rede xa operativa na estrada do Trece (a DP-5404)”, explicou Ferreiro. Con esa finalidade instalaranse un total de tres estacións de bombeo e preto de 2,5 quilómetros de colectores de saneamento.
“O pasado mes de marzo aprobouse tamén nun Consello de Administración de Cosma a licitación deste proxecto e hoxe xa se adxudican os traballos, tras seguir o procedemento habilitado para este tipo de
actuacións”, apuntou a rexedora local.
Ferreiro destacou “os avances que nos últimos dous anos se levan realizado para ofrecer servizo de saneamento e abastecemento a varios núcleos da zona urbana e rural da cidade, cun investimento que en conxunto ronda os dous millóns de euros nese período”. Con cargo a esta partida global acometéronse actuacións nas zonas do Val-Outeiro, no Couto, no Alto do Castiñeiro, na zona de Ferrerías… tal e como recordou. “Somos conscientes de que queda traballo por facer pero tamén de que nos últimos anos se destinaron importantes partidas para incrementar a implantación deste tan necesario servizo na cidade, con investimentos que saíron únicamente das arcas municipais e de Cosma a falta de axudas doutras administracións para poder axilizar os traballos pendentes”, subliñou.