A programación combina actividades de balde con excursións de pago, pero en todo caso é preciso inscrición previa
O Concello de Frades vén de presentar a súa programación para o verán 2022, que recolle máis de trinta actividades para todos os gustos e idades, xa sen as restricións propias da pandemia. Iniciativas que van dende trece excursións, a media ducia de actividades deportivas e, sobre todo, numerosas iniciativas dirixidas a nenos e nenas, con programa de conciliación familiar incluído. Unhas actividades que se poden consultar na web municipal: www.frades.gal.
O Programa de Verán de Frades mantén as actividades tradicionais e que tanto éxito tiveron estes anos como os Xoves de Praia, a excursión ao Aquapark, o Día do Neno, a Festa da Auga, as noites de cine e as actividades deportivas: campionato municipal de pesca infantil, cursos de natación, Día da Bicicleta, campionato de pádel ou o novo curso de pilates de verán. Así mesmo, propón novas iniciativas como unha excursión ao Barqueiro-Ortigueira no que a veciñanza poderá optar por visitar Estada de Bares e o pobo do Barqueiro ou facer unha ruta en caiac pola ría.
Outra novidade será unha excursión de catro días a Navarra e A Rioxa, que terá lugar do 22 ao 25 de setembro. A maioría das actividades serán de participación libre e gratuíta, se ben sempre será preciso anotarse no Concello de Frades: 981 695 567 ou 981 695 663.