Friday 22 de November de 2024

O Concello de Fene licita en case 70.000 euros o repintado dos porches e do balcón da sede municipal


O Concello de Fene pechou hai tan só uns días o prazo de recepción de ofertas para renovar a pintura dos porches e do balcón da casa consistorial. Os traballos están orzamentados en 69.705,58 euros, ive incluído, e con eles faráselle un profundo lavado de cara ao entorno da praza do Alcalde Ramón José Souto González, escenario dos eventos principais organizados polo Concello ao longo do ano. O proxecto presentouse a unha convocatoria de axudas da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que finalmente veu denegada por esgotamento de crédito.

Ao remate do prazo de presentación de propostas técnicas e económicas, o pasado 10 de xuño, o Concello recibira un total de 9 ofertas para levar adiante uns traballos que consistirán no lixado e pintado de todas as varandas e, principalmente, na renovación do illamento e da pintura das columnatas e terrazas, previo saneamento e selado de fendas.

As obras, licitadas en cerca de 70.000 euros, forman parte do plan de conservación e mellora das dependencias municipais. O ano pasado investíronse 160.000 euros dos fondos POS+ no cambio dos ventanais e carpintarías exteriores co obxectivo de incrementar a eficiencia enerxética do edificio. No mesmo proxecto tamén se modificaron os aseos para facelos accesibles.

“Temos unha Casa do Concello moi grande e que require mantementos custosos cada certo tempo. Aos soportais xa había anos que lles facía falla unha boa man de pintura por unha cuestión de conservación pero tamén estética de todo o conxunto”, explica o responsable de Obras, Justo Martínez Ardá.

O concelleiro engade, porén, que as terrazas e o grande balcón da alcaldía, deseñados canda o resto do inmoble hai 45 anos, “nunca foron funcionais nin tiveron unha utilidade social clara, agás a de delimitar a praza. Pero non podemos perder de vista que forman parte dun edificio que cómpre coidar e que en 1980, cando se construíu, foi todo un referente arquitectónico”.

Tras recibir as propostas técnicas e económicas, a Mesa de Contratación reunirase nestes días para comprobar a documentación e levar a cabo a apertura das plicas. A intención municipal é acelerar a adxudicación todo o que se poida para aproveitar o verán ou o comezo do outono para que se leven a cabo as obras, cuxo prazo máximo de execución é dun mes trala sinatura do contrato.

O financiamento dos traballos será integramente municipal. O Concello concorreu co proxecto ás axudas da Xunta para a corrección de impactos paisaxísticos ocasionados polo mal estado de fachadas en dependencias públicas. Solicitáronse uns 20.000 euros que finalmente non viñeron concedidos por esgotamento do crédito autonómico.