Incorpora por primeira vez unha moto acuática apta para traballos de salvamento.
O equipo de salvamento e socorrismo da praia de Caión está operativo desde hoxe e continuará prestando servizo ata o 15 de setembro, todos os días en horario 12:00 a 20:00 horas.
Durante os próximos tres meses serán un total de sete socorristas máis o coordinador xeral o persoal que se encargará desas funcións para aumentar a seguridade dos bañistas, informar sobre calquera cuestión que afecte á praia e controlar o uso axeitado do areal de acordo ás normativas vixentes e aos condicionantes establecidos pola Bandeira Azul.
Por primeira vez neste ano o servizo incorpora unha moto acuática apta para realizar traballos de salvamento, polo que en todo momento estará presente canda menos un socorrista que posúa o título de patrón e que teña experiencia no manexo dese tipo de embarcacións.
Neste servizo de salvamento e socorrismo na praia de Caión o Concello inviste 68.000 euros.