As salas Fernando Rey e Marilyn Monroe acollen, entre xoves e sábado, tres novas xornadas de cinema en versión orixinal subtitulada
O Fórum Metropolitano abre mañá as súas portas a tres xornadas consecutivas de cinema que darán continuidade, de xoves a sábado, aos ciclos de comedia e thriller, en V. O. S., que comezaron este mes de xuño.
A sala Fernando Rey acolle catro proxeccións da longametraxe estadounidense “A familia que ti elixes” (The Peanut Butter Falcon (2019), dirixida por Tyler Nilson e Mike Schwartz.
A película, protagonizada por Zack Gottsagen, Shia LaBeouf e Dakota Johnson, achégase á historia dun rapaz con Síndrome de Down que escapa da súa residencia para perseguir o seu soño de converterse en loitador profesional de wrestling.
Considerada unha pequena xoia das road-movie estadounidenses dos últimos tempos, o National Board of Review nomeou á longametraxe na categoría de Mellores películas independentes do ano no 2019. De 97 minutos de duración, está recomendada para todo tipo de públicos. Disporanse tres xornadas de proxección: xoves 16 (20.00 horas), venres 17 (20.00 horas) e sábado 18 (17.30 e 20.00 horas).
“Non identificado”, na sala Marilyn Monroe
Tamén entre xoves e sábado, a sala Marilyn Monroe achégase a un drama policíaco romanés, “Non identificado” (Neidentificat (2020), dirixido por Bogdan George Apetri.
Protagonizado por Andrei Araditz, Ion Bechet e Dragos Dumitru, a longametraxe céntrase en Florin, un detective de policía inmerso nunha crise persoal e débedas, decidido a resolver un difícil caso que a ninguén parece importarlle A película, de 123 minutos de duración, é apta para todos os públicos. Disporanse tres xornadas de proxección: xoves 16 (20.00 horas), venres 17 (20.00 horas) e sábado 18
(17.30 e 20.00 horas).
As entradas, xa á venda
A compra de entradas para as sesións desta semana xa está dispoñible, a través da páxinaweb de Ataquilla.com. Habilitarase tamén o despacho de billetes do Fórum Metropolitano os días de proxección, desde media hora antes do inicio das mesmas. Ademais, os pases poden adquirirse no despacho de billetes do IMCE sito na praza de Ourense en horario de luns a venres (salvo festivos) de 11.00 a 15.00 e de 16.30 a 19.30 horas.
O prezo das entradas será de 3 euros para o público xeral e de 2 euros para aquelas persoas que dispoñan de Carné Xove, sexan maiores de 65 anos ou estean desempregadas. Ademais, as sesións do espectador programadas para os sábados ás 17.30 horas teñen un prezo único de 1,50 euros.