Saturday 16 de November de 2024

Festa e reivindicación no Orgullo da Pobra do Caramiñal


No 28 de xuño festéxase o Día do Orgullo, ao cal se suma o Concello da Pobra do Caramiñal para contribuír a dar visibilidade ao colectivo LGBTI+, ademais de sensibilizar sobre importancia da tolerancia e a igualdade das persoas, independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero. Así o anunciaron a concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra), e o seu homólogo da Mocidade, José Andrés Lojo (Nós Pobra).

O programa focalizarase na xornada do 25 cunha vertente reivindicativa e lúdica. Dará comezo ás 21.00 horas cun desfile amenizado pola batucada Bloquinho Aperta que partirá dende a praza do Emigrante ata a casa consistorial, edificio público no que se colgará a bandeira coas cores do arco da vella, para dirixirse, deseguido, á praza Alcalde Segundo Durán, onde a música correrá a cargo de Disco Móvil Chocolate a partir das 22.30 horas.

Tamén se anima a que a veciñanza colgue as súas fotos nas redes sociais co cancelo #OrgulloAPobra2022, ademais de que se traian as bandeiras ao desfile.