Friday 22 de November de 2024

O Concello de Ordes celebra unha recepción oficial para felicitar ao A.C. Órdenes polos seus logros en Austria


O Concello de Ordes celebra unha recepción oficial para felicitar ao A.C. Órdenes polos seus logros en Austria

José Luis Martínez Sanjurjo ratifica o apoio institucional a un equipo “que non deixa de promocionar Ordes sembrando éxitos e logros”

O equipo do goberno local de Ordes ao completo, encabezado polo alcalde José Luis Martínez Sanjurjo, recibiron ao cadro técnico, directiva e xogadores do A.C. Órdenes. Unha recepción na que tamén participaron representantes dos demais grupos que conforman a corporación municipal. No acto felicitouse a todas e todos os integrantes do A.C. Órdenes polo seu resultado na competición acontecida hai escasos días no campeonato Rollhockey Turnier celebrado en Austria, na que quedaron en primeira e terceira posición nas categorías U13 e U15 respectivamente. Entre eles atopábanse María Jesús García, presidenta do club, e César Gómez, adestrador.

Deste xeito hai que falar dunha gran tempada para un club que hai meses viu como os integrantes da súa categoría xuvenil ocupaban o podio como subcampións nacionais. “Este ano imos a ter dous equipos seniors e aspiramos a poder meter dous equipos no sector”, manifesta Chus García, que ten como obxectivo “traballar especialmente nas categorías bases porque é aí onde se presenta un grupo de rapaces moi prometedores que veñen cheos de gañas”, asegurou.

Neste encontro o alcalde de Ordes ofreceu todo o “apoio e colaboración institucional a un equipo que non deixa de sembrar éxitos e de recoller trofeos, o que se traduce nunha gran promoción do pobo de Ordes”. Por outra banda o rexedor tamén fixo un chamamento para obter financiación privada que axude a manter o equipo, ademais de manifestar a súa predisposición para mellorar os convenios institucionais asinados co Concello de Ordes”.