Friday 22 de November de 2024

A Xunta recibe, case ano e medio despois, dúas das licenzas de obras solicitadas ao concello de Betanzos para rehabilitar vivendas no municipio


— Trátase das correspondentes a Cerca 43 e Segunda Venela de Clérigos 4, que xa teñen obras adxudicadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo a finais de marzo pasado

— O IGVS ultima os trámites para entregar aos adxudicatarios as primeiras vivendas rehabilitadas en Betanzos, nos inmobles emprazados nos números 9, 13, 47 e 49 da rúa Cerca

— A acta de inicio da obra de rehabilitación de Pinche 9 foi asinada a pasada semana

A Xunta de Galicia recibiu, case ano e medio despois, a comunicación de concesión das licenzas municipais de obras para a rehabilitación dos inmobles emprazadas nas rúas Cerca 43 e Segunda Venela de Clérigos 4, no conxunto histórico do concello de Betanzos.

Ambas licenzas foron solicitadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) o 10 de febreiro de 2021. Na mesma data foi solicitado o permiso para a rehabilitación do inmoble emprazado no número 10 da rúa Segunda Venela de Clérigos, pero o IGVS aínda non o recibiu.

A concesión das licenzas permitirá iniciar en breve as obras de rehabilitación dos dous inmobles, xa que están adxudicadas polo IGVS dende o 30 de marzo de 2022. As obras de rehabilitación dos tres inmobles citados foron adxudicadas conxuntamente á empresa JSTOP, Obras Y Servicios, S.L. o pasado mes de marzo por máis de 577.000 euros e un prazo de execución de 15 meses.

A maiores, a Xunta xa iniciou a obra en Pinche 9, adxudicada por preto de 490.000 euros conxuntamente coa rehabilitación de Alfolí 6, logo de asinarse o contrato entre a empresa e o IGVS a semana pasada.

Por outra parte, o organismo está a ultimar os trámites para a entrega aos adxudicatarios das primeiras vivendas rehabilitadas en Betanzos, nos inmobles emprazados nos números 9, 13, 47 e 49 da rúa Cerca. Actualmente os futuros inquilinos están en prazo para presentar a documentación necesaria para formalizar os contratos.

Tamén está rematada a obra de rehabilitación de Venela de Clérigos 13, pero neste caso aínda non se pode proceder á entrega porque está pendente a execución das obras da acometida para o subministro eléctrico ao inmoble.