Saturday 16 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño convoca ao tecido social para a redacción do próximo Plan de Igualdade


O consistorio tamén fixou para o 22 de xuño a reunión do Consello de Participación Veciñal cunha orde do día centrada nas bases das axudas para Cultura e Deportes deste ano

O equipo redactor do IV Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de San Sadurniño convocou para este xoves 16 de xuño o encontro co tedido social, que terá lugar no Salón de Plenos a partir das 18:00h. Unha vez rematado o proceso de avaliación do plan de igualdade anterior, o equipo de FEMLEGAL achegaranos información sobre o traballo efectuado nos últimos meses e a metodoloxía que se está seguindo de cara á elaboración do próximo plan, para o que fai falla a máxima participación e implicación social. Por outra banda, o Concello tamén remitiu hoxe a convocatoria do Consello de Participación Veciñal, que se reunirá o día 22 para falar das bases das subvencións para Cultura e Deportes.

O Concello de San Sadurniño leva anos aplicando políticas públicas de promoción da igualdade en todos os ámbitos sociais e laborais. Neste sentido, a Administración local levou adiante tres Plans de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes (PIOMH) cuxos resultados se avalían periodicamente para ver ata que punto se levaron á práctica e, en base a esa análise, deseñar un novo plan que por unha banda continúe o labor iniciado hai máis de 15 anos e, por outra, que incida naqueles aspectos que cumpra corrixir ou que requirirán un maior esforzo.

Para levar a cabo o labor técnico, o Concello contratou os servizos da empresa FEMLEGAL. A firma xa mantivo encontros co persoal municipal e agora vai facer o propio co tecido social -asociacións, clubes e outros colectivos- a quen xa se lles lanzou a primeiros de mes unha convocatoria que posteriormente tivo que suspenderse por falla de resposta das entidades.

A segunda tentativa é este xoves 16 de xuño a partir das 18:00h no salón de plenos do Concello e prégaselles ás asociacións convidadas que confirmen a súa asistencia a través do correo planigualdadesansadurnino@femlegal.es ou dos teléfonos 649 961 394 ou 691 364 236.

Na xuntanza, de carácter informal, a consultora poranos ao día do traballo que desenvolveu até o momento e cales son as liñas mestras do próximo plan municipal de Igualdade. Ademais tamén explicará a metodoloxía que se vai seguir na recollida de información e na formulación de propostas, para as que se precisa a máxima implicación e participación do tecido social.

Reunión do Consello de Participación Veciñal
Ademais de convocar para mañá xoves a reunión sobre o PIOMH, o Concello tamén enviou hoxe o chamamento ás entidades para que asistan ao Consello de Participación Veciñal que se reunirá o día 22 de xuño ás 20:00h no salón de plenos do consistorio.

Na orde do día figuran as bases para a concesión de subvencións para cultura e para deportes, a programación das asempleas veciñais do orzamento participativo -que se retomarán despois de dous anos- e un apartado final para rogos e preguntas.