O Concello investiu máis de 97.000 euros en mellorar as instalacións e agora licita a súa xestión por un período máximo de 4 anos e un canon base de 350 euros mensuais
O Concello de Moeche rematou recentemente o proxecto de acondicionamento da nave do polbo do recinto feiral. Nel investíronse máis de 97.000 euros provenientes do POS+ provincial cos que se cambiou a cuberta, acondicionouse o interior e construíronse uns novos aseos. Coincidindo coa finalización dos traballos, o Goberno Local tamén sacou a contratación a ocupación e xestión do espazo tanto nos días de feira do 11 e o 23 como nos eventos sectoriais que programa o consistorio ao longo do ano. As ofertas poden presentarse até as 23:59h do próximo 20 de xuño partindo dun canon anual de 4.200 euros. A duración inicial do contrato será por dous anos prorrogables por outros dous.
As licitadoras interesadas en levar a polbería da feira deberán ofertar unha cantidade igual ou superior ao canon establecido polo Concello nas bases -os 4.200 euros netos/ano- o que veñen sendo 350€ netos ao mes como mínimo e 16.800 euros para os catro anos de vixencia do contrato (2+2).
O factor prezo valorarase con ata 75 puntos -a maior cantidade ofertada, máis puntos-, mentres que os 25 restantes se outorgarán por acreditar un maior tempo xestionando polberías en feiras ou mercados.
A cambio de pagar o importe ofertado mensualmente, a adxudicataria -que deberá cumprir coa normativa sanitaria e hostaleira- abrirá os días 11 e 23 e poderá demorar o peche até as 20:00h se o estima oportuno. Tamén abrirá cadrando con eventos destacados como a Feira do Queixo, a Feira das Fabas, o Mercado de Nadal e outros monográficos que se poidan organizar.
A presentación da documentación e das ofertas hai que facela por vía electrónica seguindo os pregos técnicos e administrativos que figuran desde hai varios días na Plataforma de Contratación do Estado. O prazo parar existrar as propostas finaliza un minuto antes da medianoite do luns 20 para o martes 21 de xuño.
Un espazo totalmente renovado
A adxudicación da xestión da nave do polbo case vai cadrar no tempo co remate dos traballos de acondicionamento das súas instalacións. O concello adxudicou a finais de 2021 unhas obras executadas nos últimos meses pola construtora Guerreiro Somozas, que supoñen un investimento de 97.168,34 € -IVE incluído- financiado dentro do POS+ da Deputación da Coruña.
Esta contía permitiu renovar a cuberta, instalar ventanais e portas, cubrir o chan con cemento puído, pintar por dentro e por fóra -coas cores que levan as outras naves- e dotar o recinto cuns aseos totalmente novos e adaptados a persoas con mobilidade reducida. O espazo está listo e só queda pendente unha limpeza xeral e agardar á desaparición das manchas producidas polo puído do chan, que marcharán soas ou cunha pequena axuda dun deterxente suave.
“A nave quedou moi ben e é moito máis acolledora que antes, sen contar que tamén é máis accesible para persoas con mobilidade reducida”, explica Beatriz Bascoy. A rexedora destaca que a renovación da nave do polbo “é un paso máis nese grande proxecto que queremos ir desenvolvendo ano a ano ata completar a renovación total do recinto feiral de San Ramón. Primeiro foi a nave do mercado, logo os espazos de oficinas, despois a nave do queixo para convertela no centro de transformación A Fusquenlla, e agora tocoulle a esta nave do polbo. Temos máis actuacións previstas e a seguinte seguramente sexa a nave dos cabalos, para a que xa estamos buscando financiamento”.