• Con motivo da carreira, a estrada que conecta Praia Miño a Perbes permanecerá cortada de 08:00 a 12:00 horas, mentres que o vial de Perbes a Costa Miño farao de 10:00 a 12:00 horas.
A Praia Grande de Miño será escenario este próximo domingo, día 19 de xuño, da IV Carreira Popular 10 K ‘ Praia de Miño’, organizada pola asociación local Trail Running Galea Sport coa colaboración do Concello.
A competición, cuxa recadación será destinada á entidade solidaria ‘Aire’, reunirá no areal miñense a un total de 242 atletas de todas as idades para disputar unha proba que forma parte do circuíto de carreiras da Deputación da Coruña.
O pistoletazo de saída á xornada dominical protagonizarano a partir das 09.30 h. os participantes nas categorías sub18 e sub16. Ás 09.50 horas será quenda para a categoría sub14 e quince minutos máis tarde, ás 10.15 h., iniciarán a súa proba os participantes na proba sub10 . A categoría absoluta dará inicio ás 10.30 horas, e tan só 5 minutos máis tarde as modalidades de prebenjamín e biberón poñerán o punto e final á competición.
O goberno local informa de que, con motivo da devandita actividade, a estrada que conecta Praia Miño con Perbes, desde a saída da AP-9, permanecerá cortada ao tráfico entre as 08:00 e as 12:00 horas do domingo, mentres que o vial de Perbes a Costa Miño farao de 10:00 a 12:00 horas. Para favorecer o tráfico prevese un desvío a través da estrada N-651 e do mesmo xeito, infórmase de que o acceso á autoestrada manterase aberto.