En menos dun mes cumprirase un ano desde a remisión do último informe municipal solicitado pola consellería.
Alternativa dos Veciños de Bergondo esixe a Xunta de Galicia a resolución definitiva do expediente relativo á tramitación dunha planta de residuos que se pretende instalar no lugar de Obra de Paño (Lubre). Resulta sorprendente e inquietante que tras ter pasado case un ano (a solicitude de informe por parte da Xunta é de data 03/06/21 e a resposta do concello é de 13/07/21) o organismo autonómico -en concreto a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático- aínda non tivera tempo de pronunciarse ao respecto.
Nun recente escrito, o concelleiro de Infraestruturas, Urbanismo e Medio Ambiente de Bergondo Juan Fariña solicitaba explicacións á luz de semellante tardanza. Nunha concisa contestación recibida días más tarde (14/06/22) o xefe de servizo de residuos (Jesús Castro López) explica que “…, infórmolle que na actualidade atópase pendente da resolución do correspondente procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinario”. Á vista do cal facémonos a seguinte pregunta: Tras case un ano, despois da clara e unánime contestación social que dito proxecto ten suscitado e da contundencia coa que o Goberno municipal se ten pronunciado ao respecto (lembremos que no informe de 17/07/2021 dise de forma tallante que a actividade proposta é “…unha actividade NON AUTORIZABLE dende o punto de vista urbanístico…”) como é posible que a Xunta de Galicia siga aínda albergando dúbidas ao respecto? A que agarda para pronunciarse con claridade? Non atopamos explicación nin nos parece de recibo que se manteña nunha especie de incerteza perpetua á veciñanza da zona, cuxa calidade de vida se podería ver gravemente afectada no caso de saír adiante a instalación da devandita planta de residuos.