Hoxe, 14 de xuño, celébrase o Día Nacional das Linguas de Signos Españolas e con tal motivo deuse lectura a un manifesto na praza do Obradoiro nun acto organizado pola Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela ao que asistiron o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro; a voceira do BNG, Goretti Sanmartín; o concelleira de CA Xan Duro; e o concelleiro do grupo municipal popular, Pedro Rey.
O manifesto indica: “no Día Nacional das Linguas de Signos Españolas, a CNSE, Confederación Estatal de Persoas Xordas esiximos que se garantan os dereitos lingüísticos das nenas e dos nenos xordos. Que vivan de forma libre e plena. Sen imposicións. Sen controversias. Sen que se lles faga elixir entre lingua de signos e a lingua oral. Porque como sociedade, temos a obriga de educar a unha infancia xorda feliz, sumando recursos e apoios e non restando, e sempre, valorando a cada nena e cada neno xordo tal e como é”.
No manifesto tamén se reivindica:
1. Que se proporcione á infancia xorda unha atención temperá e unha educación integral de calidade que inclúa a lingua de signos. A exposición das e os menores xordos desde idades temperás a esta lingua favorece o seu óptimo desenvolvemento lingüístico, cognitivo e psicosocial. Ademais, evita as consecuencias da Síndrome de Privación Lingüística, unha cuestión á que alude o artigo 25 da Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade e que o seu Comité fai propia, ao recomendar aos gobernos que apoien a prestación de servizos de lingua de signos a todos as nenas e os nenos xordos e ás súas familias, e así, previr e reducir a aparición de situacións discapacitantes.
2. Que se garanta a presenza da lingua de signos en calquera política sanitaria. As nenas e os nenos xordos son moito máis que un oído que rehabilitar e, como tal, o uso da lingua de signos ha de responder a unha opción libre e individual. Así o establece a Lei 27/2007 onde se recoñecen as linguas de signos españolas. Neste sentido, instamos a que médicos, logopedas e profesionais da rehabilitación auditiva colaboren con profesionais xordas e xordos, profesorado xordo especialista en lingua de signos e organizacións representativas de persoas xordas, para normalizar a aprendizaxe e o uso da lingua de signos entre a infancia xorda e as súas familias, potenciar as capacidades destes menores, e dotar de estratexias ás súas familias para sentirse seguras no proceso de crianza e educación dos seus fillos e fillas.
3. Que a escolarización das nenas e os nenos xordos en escolas ordinarias non impida o ensino da lingua de signos e na lingua signos, que recoñecen e garanten a lei 27/2007, a LOMLOE e a Constitución Española. A promoción da identidade lingüística e cultural das persoas xordas á que apunta o artigo 24 da Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, require que estes menores poidan educarse na súa lingua natural e ser partícipes de espazos agrupados, que non segregados, xunto a iguais xordos e referentes adultos xordos que contribúan á construción dunha imaxe positiva de si mesmos.
4. Que se brinde á infancia xorda contornas saudables, accesibles e inclusivos onde, de ser persoa xorda, poder usar a lingua de signos sen que isto siga dependendo do lugar onde vivas nin supoña illamento, discriminación, acoso escolar nin a imposición de non aprendela. As nenas e os nenos xordos teñen dereito a educarse nas mesmas condicións e coas mesmas oportunidades que o resto para alcanzar o seu máximo desenvolvemento potencial como seres humanos e chegar a ser o que queiran ser.