Dirixidos a nenos e nenas de 6 a 14 anos, este ano recollen novidades como unha travesía en Barco Dragón co Club de Remo Taxamar ou a recuperación do Desafío Shinobi no inchable máis longo de Galicia
O Concello de Lousame abre o prazo de pre-inscrición nos seus Campamentos de Verán 2022, que terán lugar do 11 ao 15 de xullo, en horario de 9:30 a 20:00 horas. Unha iniciativa da que a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, destaca que “despois de dous anos alterados pola pandemia, os campamentos volven á normalidade e retoman tanto o seu formato de todo o día como a súa variada programación de ocio, incluídas varias saídas ao Aquapark Cerceda e a unha travesía en Barco Dragón pola ría de Muros-Noia”.
Neste sentido, o Concello de Lousame quedará con dúas cousas positivas da pandemia: o sistema de reserva de praza a través de bandoticket.com e a forma de chegar e recoller ás crianzas no polideportivo Pilar Barreiro Senra. “Para evitar atascos, manteremos a dirección única de forma que as familias chegarán por diante da piscina e sairán cara o colexio despois de deixar ou recoller á crianza”, explicou Eduardo Agraso, técnico de Cultura.
O Concello de Lousame convoca 100 prazas, dirixidas a nenos e nenas de entre 6 e 14 anos de idade. O proceso de preinscrición estará aberto ata o 17 de xuño para veciños e veciñas de Lousame, e do 18 ao 30 de xuño para persoas non empadroadas no municipio. Os campamentos desenvolveranse do 11 ao 15 de xullo, en horario de 9:30 a 20:00 horas, “con posibilidade de recoller á crianza antes no caso de que a familia así o necesite e xustifique”, puntualizou Silvia Agrafojo, quen aproveitou para agradecer a colaboración dos técnicos de Cultura, Xuventude e Deporte, así coma do voluntariado local, na organización destes campamentos.
Barco Dragón
Os campamentos de verán de Lousame retoman as actividades lúdicas, culturais, deportivas e de natureza que tanto éxito tiveron en pasadas edicións como as saídas á piscina, a excursión ao Aquapark de Cerceda, os inchables, tiro con arco, festa da escuma, holy race, a velada nocturna, zumba ou a gran festa acuática de despedida.
O técnico de Deportes, Germán Romero, foi o encargado de presentar a novidade dos campamentos deste ano: o Barco Dragón. “Unha actividade nova para toda a rapazada e que é totalmente inclusiva, pois todas as persoas que participan teñen a mesma responsabilidade”, sinala Germán Romero. A actividade está organizada polo Club de Remo Taxamar de Outes, en colaboración coa Federación Galega de Piragüismo. Así, a rapazada desprazarase ata as instalacións do club en Outes e farán un percorrido ata a Ponte de Ceilán en grupos de 20 ou 30 pequenos.
Outra da estrelas da programación será a volta a Lousame do inchable máis longo de Galicia, o Desafío Shinobi. Máis de 130 metros de inchables pensados como unha proba de obstáculos con escalada e saltos que combina potencia física con habilidade.
Finalmente, o técnico de Voluntariado, Xosé Manuel Outeiral, puxo en valor o labor do voluntariado xuvenil nos Campamentos de Verán: “haberá 3 voluntarios por cada grupo de 10 nenos e nenas”.