Saturday 16 de November de 2024

A Oficina de Turismo da cidade permanecerá aberta ata o vindeiro 7 de outubro


A oficina de Turismo de Narón, ubicada no parque de Freixeiro, nas inmediacións da glorieta de Freixeiro, permanece aberta ata o día 7 de outubro. O Concello solicitou unha subvención á Deputación da Coruña, que lle concedeu, e con cargo á que se sufragarán os gastos de contratación de dúas persoas diplomadas en Empresas e Actividades Turísticas e que formaban parte da bolsa de emprego municipal que atenden as instalacións. A subvención concedida é para catro meses, tempo no que permanecerá operativa a oficina, segundo informou a concelleira de Turismo Natalia Hermida.

O horario de apertura é de luns a venres entre as 10.00 e as 13.15 e de 16.00 a 19.15 horas; os sábados e os domingos abre de 10.00 a 14.00 e dende as 16.00 ata as 19.00 horas, tal e como indicou Hermida. Os días festivos as instalacións permanecerán tamén abertas no seu horario habitual.

“As persoas que se acheguen ata as instalacións poderán solicitar información sobre a cidade en particular, tanto sobre a oferta turística como de actividades que se desenvolverán durante eses catro meses, como sobre o Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas”, asegurou a edil.

As persoas que o desexen tamén poderán poñerse en contacto co persoal da Oficina de Turismo, no horario de apertura das instalacións, chamando ao número de teléfono 981 337 700 (extensión 2301).