Amplíase o número de profesionais de vixilancia, asistencia e emerxencias ata as 662 persoas
O sistema de videovixilancia estará operativo ata as 8.00 horas do 24 de xuño, con doce cámaras ao longo das praias de Riazor, Orzán e Matadoiro
O Concello da Coruña anuncia este martes a ampliación do dispositivo de seguridade polo San Xoán. O obxectivo desta medida é garantir o correcto desenvolvemento desta xornada festiva ante a previsión de que a afluencia ás praias e as festas nos barrios sexa moi elevada. Ademais, o mesmo 23 de xuño celébrase o concerto de Alejandro Sanz no Coliseum, o que requirirá de persoal municipal extraordinario.
Hoxe tivo lugar a xunta de seguridade na que o Goberno municipal expuso os detalles do dipostivos de seguridade, que crece ata as 662 persoas. Isto supón que o dispositivo de seguridade deste San Xoán será o maior da historia desta celebración na cidade.
Desas 662 persoas, 149 serán axentes da Policía Local, 65 persoas do corpo de Bombeiros, 44 de Protección Civil e haberá tamén máis de 50 vixiantes contratados para os accesos ás praias. O dispositivo complétase co persoal de limpeza e a novidade dos Puntos Violeta, que estarán operativos ata as 4.00 horas do 24 de xuño.
O posto avanzado de mando estará na Coiraza do Orzán para xestionar todas as comunicacións. Alí tamén se instalarán cinco cámaras de seguridade e outra de visión térmica, que permitirá detectar a entrada de persoas no mar en horario nocturno. Tamén se instalarán outras seis cámaras portátiles enlazadas por radio ao longo do Paseo Marítimo.
Este dispositivo estará operativo dende as 19.00 horas do 23 de xuño ás 8.00 horas do 24 de xuño. O persoal da Policía Local e de Bombeiros en terra estará apoiado durante ese tempopolo Grupo de Rescate Acuático dos Bombeiros, que patrullará no mar cunha moto de auga e unha embarcación. Os dispositivos de videovixilancia permitirán ter un control total e en tempo real de todos os puntos das praias de Riazor, Orzán e Matadoiro.
A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que este dispositivo de seguridade estará “á altura do noso San Xoán”, e volveulle a pedir á cidadanía prudencia nas celebracións. “Sabemos que os coruñeses e as coruñesas están desexando celebrar o San Xoán. Con todas estas medidas buscamos a máxima seguridade para todos e todas no regreso da Noite Meiga tras tres anos”, apuntou a rexedora.
Sardiñadas e churrascadas
O día 23 de xuño estarán permitidas, sen necesidade de comunicación previa a Seguridade Cidadá, as sardiñadas e churrascadas, sempre e cando non ocupen a calzada nin entorpezan a circulación de vehículos. Deberanse realizar entre as 13.00 e as 16.00 horas, e entre as 20.00 e as 00.00 horas.
Haberá que cumprir unha serie de medidas de seguridade que veñen detalladas no bando municipal de San Xoán, como son a distancia entre grellas ou a elevación do chan. As beirarrúas deberán quedar libres para permitir o paso de peóns e peoas. As sardiñadas e churrascadas que ocupen a calzada deberán realizar unha comunicación previa cunha antelación mínima de 48 horas.
Fogueiras
Na noite do 23 de xuño estará permitida a realización de fogueiras en espazos de titularidade pública. Para isto, será necesario presentar unha comunicación previa por escrito á Área de Seguridade Cidadá antes do 17 de xuño ás 15.00 horas. Toda a información ao respecto estará dispoñible en coruna.gal, onde haberá un modelo de comunicación previa coas normas que cómpre seguir.
O Concello contará con 120 toneladas de madeira para repartir entre a cidadanía na contorna do Paseo Marítimo, Oza e San Amaro. O seu reparto comezará ás 19.00 e estará permitido baixala á praia a partir das 19.30 horas do 23 de xuño.
Zonas de exclusión e limitacións nos areais
Por outra banda, o baño nas praias estará prohibido desde o día 23 ás 22.00 até as 9.00 horas do 24 de xuño. Os servizos de emerxencia poderán determinar que unha cacharela excede a altura permitida por razóns de seguridade. Isto determinarase en función da súa localización, a distancia con edificios e outros elementos da contorna. Non estará permitido realizar fogueiras preto de colectores, vehículos e outros elementos. Tampouco estará permitido o uso de combustibles líquidos nin de acelerantes para prender as fogueiras. Está prohibido queimar plásticos, cauchos, rodas, colchóns, madeira lacada, goma espuma e outros obxectos que poidan producir gases tóxicos. Non se permitirá o acceso ás praias con mobles nin obxectos voluminosos, ou madeira que leve puntas ou cravos.
Nas zonas de exclusión non se poderá prender lume de ningún tipo. Ditas zonas son: totalidade do trazado do oleoduto, e gasoduto de alta presión, o Parque de Bens incluíndo a praia de Bens, o Monte de San Pedro, os Xardíns de Méndez Núñez, os Xardíns de San Carlos, a praza das Bárbaras e a contorna da Torre de Hércules, incluído o merendeiro das Lapas e a praia da Lapas e as calas dos Mouros e de Durmideiras, sen prexuízo de que os servizos de Seguridade poidan designar algunha outra zona baseándose en criterios de protección das persoas e os bens públicos.
Por outra banda, está prohibido trasladar colectores de residuos e cambiar a súa localización debido aos desaxustes que isto causa na recollida de lixo durante os días posteriores á celebración. Tampouco estará permitido baixar con vidro ás praias. Estes residuos deberán depositarse nos puntos habilitados nos accesos aos areais. Non estará permitida a solta de globos de papel, farois chineses ou similares cuxo medio de ascensión sexa o lume.
As praias deberán estar libres ás 6.00 horas do día 24 de xuño para que comece o operativo de limpeza. Por outra banda, con carácter xeral, autorizarase a ampliación do horario dos establecementos de ocio e hostalería en dúas horas. As persoas responsables deberán presentar unha autorización previa.
Tráfico, seguridade e transporte público
O día 23 de xuño pecharase a circulación no Paseo Marítimo, entre As Escravas e o Aquarium Finisterrae, a partir das 19.00 horas. Os servizos de seguridade e urxencias restablecerán o tráfico segundo evolucionen as celebracións. Como é habitual, instalaranse dous hospitais de campaña no Paseo Marítimo para atender emerxencias médicas.
Por outra banda, establecerase un dispositivo especial de transporte público, consistente en oito liñas especiais que comunicarán os barrios coa praza de Pontevedra. Terán cada unha delas unha frecuencia de 10 minutos ata as 2.30 horas. O servizo nocturno estará operativo entre as 3.00 e as 6.30 horas cunha frecuencia de 30 minutos. Os tempos son aproximados e poderían variar en función do tráfico. Para a saída do concerto de Alejandro Sanz no Coliseum reforzarase o servizo de transportes urbanos con tres autobuses desde a avenida de Alfonso Molina, xunto á pasarela peonil, ata a praza de Pontevedra.
As liñas que estarán dispoñibles durante a noite de San Xoán serán: 1, 1A, 3, 6, 7, 11, 21 e unha circular entre a Cidade Vella e Monte Alto (3A). Ademais, o servizo nocturno, con saídas cada media hora, seguirá o seu itinerario habitual. O obxectivo é conectar todos os barrios da cidade coa praza de Pontevedra e permitir un desprazamento cómodo e seguro da cidadanía.
Puntos violeta
Como novidade, o Concello da Coruña habilitará tres puntos violeta n Paseo Marítimo.
Estarán na zona das Escravas, fronte á Coraza e na fonte dos Surfeiros. “Estes puntos son espazos seguros que lle ofrecen información á cidadanía en xeral e asesoramento e atención psicolóxica ás adolescentes e mulleres en materia de violencia machista, sobre todo aquelas relacionadas coa violencia sexual.
Con esta medida, o Concello busca favorecer o goce do San Xoán en condicións de igualdade. O horario de atención destes espazos será de 22.00 a 4.00 horas do 24 de xuño.