Friday 22 de November de 2024

O Hotel Bela Fisterra recibe o Certificado Galicia Calidade


-Con esta nova incorporación son xa 12 os hoteis que contan con este selo de garantía no conxunto das 150 empresas certificadas

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, entregaron hoxe o certificado de uso da marca de garantía Galicia Calidade, dependente da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, ao hotel Bela Fisterra, situado na praia fisterrá de A Langosteira, no trazado do Camiño de Santiago.

O selo, que acredita a calidade dos servizos do complexo turístico, permitirá á empresa incluír o distintivo nas súas instalacións, así como nas diferentes accións de comunicación e promoción. Trátase dun “hotel literario”, o primeiro destas características en Galicia. O establecemento ten a singularidade de inspirar toda a súa identidade na literatura universal do mar.

Os espazos están concibidos e deseñados a partir de textos literarios que versan sobre o mar. Cada zona do Bela Fisterra fai referencia a obras e autores que nalgún momento da súa carreira fixeron o seu particular homenaxe ao mar; cada habitación está dedicada a unha obra e autor concretos. Asemade, a través de códigos QR pódese acceder aos textos completos e a biografía do autor en cada caso.
Instalacións de xeotermia certificadas

O hotel Bela Fisterra xa estaba en posesión do selo Galicia Calidade polas súas instalacións de xeotermia, unha certificación que entregou o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, o pasado mes de outubro, e que agora se fai extensiva a todos os servizos do establecemento

Ana Méndez destacou a aposta pola calidade deste hotel e puxo en valor a particularidade que supón na oferta turística de Galicia pola súa identidade vinculada á literatura e ao mar, “como claro expoñente do talento e da creatividade do empresariado galego e, en particular, desta iniciativa que harmoniza de forma tan natural arquitectura, paisaxe, mar e literatura”.

Coa incorporación do Bela Fisterra xa son 12 os hoteis que contan co selo de Galicia Calidade no conxunto das 150 empresas certificadas con máis de 600 produtos e servizos certificados co selo de garantía, que engloban os sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e planta ornamental.