Friday 22 de November de 2024

Carballo estará presente no Foro das Cidades de Ifema, o maior evento estatal sobre xestión urbana sostible


O noso concello recollerá o mesmo día, tamén en Madrid, o premio “Escoba de Plata”

Carballo estará presente no maior evento sobre xestión urbana sostible, o Foro das Cidades, que se celebra en Ifema (Madrid) dende hoxe ata o día 16. Trinta sesións, 60 cidades e máis de 200 relatores do mundo da xestión municipal, a empresa, a universidade, as consultorías técnicas e o ámbito social conforman en amplo programa desta cita anual, que chega á quinta edición.

Coa participación de decenas de cidades e expertos no mundo urbano, o Foro 2022 propón un debate aberto e participativo en aspectos como planificación urbana, xestión do espazo público, mobilidade, renaturalización, innovación social e participación cidadá, cidade e infancia, conectividade, economía circular, cambio climático, calidade do aire, etc.

O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira, representará ao noso concello nunha mesa redonda sobre como combater as soidades urbanas que se celebrará mañá mércores.
Carballo será un dos 16 municipios pertencentes á Rede de Cidades que Camiñan que participarán nalgunha das numerosas sesións do Foro das Cidades, na que tamén intervirá a directora técnica da Rede, Ana Montalbán, nunha sesión dedicada ás cidades saudables. Os outros municipios da Rede que se escoitarán no Foro son Xetafe, Alacante, Torrelodones, Zaragoza, Córdoba, València, Pontevedra, Pamplona, Vitoria-Gasteiz, Valladolid, Bilbao, Palma, Cádiz, Soria e Sevilla.

En paralelo ao programa, e dentro da plataforma dixital do evento, organizaranse exposicións, talleres, seminario e showrooms. Se o desexas, podes vincularse aquí ao Foro das Cidades.

Tamén mañá mércores, noutro pavillón de Ifema, Carballo recollerá o premio Escoba de Plata (Vasoira de Prata), outorgado pola Asociación Técnica para la Gestión de Residuos y Medio Ambiente (Ategrus) en recoñecemento ao proceso de transformación urbana, baseado na sustentabilidade, que está a vivir o noso concello.

O xurado valorou a transformación urbana iniciada no ano 2004 co obxectivo de crear “unha cidade sostible, realizando en todo momento accións de concienciación, sempre da man da cidadanía, xa que todas as accións transformadoras buscan a complicidade da poboación a través do coñecemento”.