As rutas en catamarán con saída dende A Pobra do Caramiñal para a tempada de verán deste 2022 inauguraranse no 19 de xuño coa viaxe a Cíes. O importe a pagar para desfrutar desta experiencia establécese nos 30 euros para persoas adultas e nos 15 euros para nenos e nenas ata 12 anos. Inclúe o desprazamento e a ruta guiada.
Esta travesía enmárcase na oferta de turismo náutico que impulsa a Concellaría do Turismo, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), para a época estival xunto coa empresa Piratas de Nabia. Trátase dun programa composto por un total de sete excursións ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas e unha saída para coñece-la Ruta Xacobea do Mar da Arousa e río Ulla.
A vindeira será no día 25 para dirixirse a Sálvora, na coñecida como ruta Starlight. Xa no mes de xullo terá lugar a excursión a Ons, no día 10, e regresarase a Sálvora, no día 17. Ademais, navegarase pola Ruta Xacobea do Mar da Arousa e río Ulla, no Día de Galicia, 25 de xullo.
As viaxes proseguirán no mes de agosto coa volta a Ons e Sálvora, nos días 14 e 28 respectivamente. E, finalmente, concluirán no 11 de setembro co retorno ás Cíes.
Para todas elas, as reservas débense formalizar con antelación a través da páxina web www.piratasdenabia.com ou do teléfono de contacto 986320048. Habilítanse tamén tres canles para a resolución de dúbidas: www.apobra.gal/turismo, 671090262 e 687482835. A empresa xestionará directamente a tramitación das autorizacións de entrada ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas.