Saturday 23 de November de 2024

A Xunta destaca o papel fundamental da mediación e a arbitraxe dentro da organización xudicial do futuro


O vicepresidente da Xunta moderou unha mesa redonda dentro do encontro “Unha xustiza de futuro”, organizado pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou esta tarde en Santander a relevancia das “fórmulas alternativas aos procesos xudiciais”, como a mediación ou a arbitraxe, dentro da organización xudicial do futuro.

Rueda participou no encontro “Unha xustiza de futuro”, organizado pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo, no que exerceu como moderador da mesa redonda ‘Unha xustiza próxima: Xustiza Restaurativa: Xurisdición voluntaria, mediación e arbitraxe”.

Durante a súa intervención, o número dous do Goberno galego explicou que este tipo de fórmulas resultan fundamentais para desconxestionar or órganos xudiciais e para ofrecer un servizo e unha solución máis satisfactorios aos administrados.

Sin ir máis lonxe, esa é a experiencia que se ten en Galicia, onde comezou de xeito pioneiro a mediación intraxudicial nos Xulgados de Familia de Santiago e nos últimos anos estendeuse a outras cidades como Vigo, Ourense, Lugo e Pontevedra.

Esta iniciativa, que pronto comezará na Coruña, ten permitido máis de 400 mediacións, das que máis da metade remataron en acordo. Ademais, a Xunta está tamén a impulsar esta fórmula nos eidos penal, civil e mercantil, onde tamén se teñen acadado importantes froitos.

Pola súa banda, a arbitraxe foi un mecanismo de gran utilidade no caso das participacións preferentes das antigas caixas de aforros e 2 de cada 3 persoas afectadas puideron recuperar os seus cartos grazas a este sistema que se xestionou a través do Instituto Galego de Consumo.

A arbitraxe acelerou o proceso tanto das persoas que optaron por esta fórmula como os que non, xa que os que os casos que chegaron á vía xudicial -aos xulgados específicos de Vigo e A Coruña- foron substancialmente menores e, en consecuencia, tiveron unha resolución moito máis rápida.

Na mesa redonda tamén participaron o catedrático de Dereito Procesal da Universidade Complutense de Madrid, Julio Banacloche; o catedrático de Dereito Penal da Universidade Carlos III, Víctor Moreno; o vogal do CGPJ, Vicente Guilarte; e a directora do Instituto de mediación do Consello Xeral de Procuradores de España, Cristina Goicoechea.