Saturday 16 de November de 2024

Alumnado do IES Leliadoura somérxese no mundo do marisqueo na Pobra


Os obradoiros de marisqueo contaron neste 13 de xuño coa participación dunha corentena de alumnos e alumnas de 1.° da ESO do IES Leliadoura de Ribeira.

A súa estadía na Pobra do Caramiñal tivo como punto de partida o Auditorio do Museo Valle-Inclán, onde unha das técnicas do Turismo do Concello lles ofreceu unha explicación do cometido da actividade e asistiron á proxección dun vídeo que amosa a cadea pola que pasan os recursos marisqueiros. Trala entrega dos receitarios que aglutinan as diferentes elaboracións que se fan con bivalvos nos establecementos hostaleiros da localidade, chegou o momento de desprazarse ata a praia dos Areos para coñecer in situ o proceso extractivo da man das mariscadoras.

Mediante estas visitas-experiencia dirixidas a centros educativos de toda Galicia, a Concellaría do Turismo, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), coa colaboración da Asociación Mar da Pobra, busca achegarlles ás xeracións máis novas o oficio das mariscadoras e fomenta-lo respecto polo mar, polo traballo neste eido e polo medio natural, ao tempo que se contribúe con esta acción á desestacionalización da demanda turística.