Saturday 16 de November de 2024

O concello da Laracha emitiu no ano 2020 un informe sobre o proxecto do Parque Eólico Carboeiro


No proxecto de execución do Parque Eólico Carboeiro indícase que os concellos afectados (A Laracha, Arteixo e Culleredo) foron informados no ano 2020 da presentación deste proxecto, e ademáis foi solicitado un informe a cada un dos concellos. Así pois, e sempre segundo o indicado no proxecto de execución que está agora mesmo en periodo de exposición pública, o concello da Laracha ten información da existencia deste proxecto de parque eólico desde o ano 2020, información que non foi trasladada no seu momento á veciñanza.

Con respecto ao informe emitido polo concello da Laracha, segundo o indicado no Proxecto de Execución, o único que por parte do concello se obxecta é que unha pista de acceso aos aeroxeneradores colisiona co vial de acceso ao “Marco da Anta” ou “Menhir de Erboedo”. Non aparece ningunha mención á afectación á poboación, habendo núcleos da parroquia de Erboedo situados a uns 800 metros dalgún dos aeroxeneradores, nin tampouco hai outro tipo de obxecións nese informe (segundo o que aparece no Proxecto de Execución).

Lembremos que, ademáis da afectación que pode ter na saúde da poboación a instalación duns aeroxeneradores que chegan ata os 240 metros de alto (incluindo o buxe e o radio das aspas), e ademáis tamén dos prexuízos que poidan ocasionar na actividade agro-gandeira e forestal, e na flora e fauna da zona, resulta que este parque afecta tamén a un dos elementos patrimoniais máis importantes do concello da Laracha –que o propio goberno municipal incluíu no seu plan de recuperación do patrimonio e propuxo para o catálogo do “Parque do Megalitismo da Costa da Morte”- como é o mencionado “Marco da Anta”.

Por outra banda, informamos desde o BNG da Laracha que imos presentar alegacións ao proxecto de parque eólico “Monteagudo”, como xa as temos rexistrado para os proxectos de “Coto Loureiros” e “Carboeiro”.