Friday 22 de November de 2024

O Concello dá comezo aos traballos para a renovación da praza da Sagrada Familia


As obras abranguen melloras no firme da praza e a zona de xogos biosaudables, así como a ampliación das áreas verdes e a recuperación do mobiliario urbano

O Concello da Coruña, a través da Concellería de Medio Ambiente e Sustentabilidade, iniciou este luns os traballos para a renovación da praza da Sagrada Familia, na contorna da igrexa de San Rosendo.

As obras abranguen, en primeira instancia, melloras para dar uniformidade ao firme no conxunto da praza e a área biosaudable de exercicios, unha intervención que se levará a cabo nunha superficie de 1.106 metros cadrados, renovando o pavimento na zona dos camiños de acceso e tamén na zona de estacionamento de bicicletas. Neste sentido, disporase unha nova capa texturada para reforzar a seguridade das persoas usuarias, evitando os esvaramentos.

Por outra banda, xa se traballa nas áreas verdes e de arboredo, onde se están levando a cabo melloras para a entrada de luz e facilitar tamén as tarefas de mantemento posteriores.
En paralelo, o persoal municipal de xardinaría acometerá a plantación de sebes e macizos floridos a base de gramíneas, flores silvestres e fieitos. Ademais, repararase e mellorará o sistema de rego no conxunto da praza.

Entre outras melloras, crearanse novos camiños para conectar as rúas contiguas á praza a través das zonas axardinadas. Os camiños estarán delimitados por bordos que permiten a convivencia do tránsito peonil e os xardíns.

A concelleira de Medio Ambiente e Sustentabilidade, Esther Fontán, puxo en valor esta intervención, “que amosa o compromiso da alcaldesa, Inés Rey, para ampliar e mellorar as áreas verdes e zonas de lecer en todos os barrios da cidade”.

A maiores, procederase á recuperación de todos os bancos, que serán recolocados tras a súa reparación, e tamén se substituirán os bordos que delimitan as áreas verdes da praza.

As obras na praza da Sagrada Familia, tras as executadas no parque infantil

Esta nova intervención no barrio da Sagrada Familia súmase á xa rematada no parque infantil de San Xaime, onde, a través do servizo de Infraestruturas, se renovou a comezos de maio a zona de xogos para duplicar a superficie do parque ata os 124 metros cadrados, engadindo ademais novos elementos para múltiples xogos.

Os traballos no parque infantil de San Xaime enmarcáronse no Plan integral de mellora dos parques infantís, unha estratexia anunciada o pasado mes de xuño do 2021 pola alcaldesa, Inés Rey, para garantir o correcto mantemento destes espazos, así como as mellores condicións de accesibilidade ás nenas e nenos da cidade.