O Servizo de Orientación e Emprego da Asociación Amicos achega á veciñanza da Pobra do Caramiñal varios programas focalizados na mellora da empregabilidade, contando para tal ocasión coa colaboración do Concello, segundo deron a coñecer o alcalde, Xosé Lois Pilñeiro (Nós Pobra), e Miguel Beiro, responsable da Área de Emprego/Empresas da mencionada entidade.
As iniciativas activas a día de hoxe son os itinerarios de inserción socio-laboral para vítimas de violencia de xénero; o proxecto Máis Emprego para persoas con discapacidade; o Programa Integrado de Emprego; e o servizo de orientación a persoas con discapacidade. Mais este abano poderá ampliarse con futuras accións. A meta de todos eles é favorece-lo acceso ao mercado laboral e proporcionar formación que redunde nunha mellora da competitividade dos e das participantes.
Adaptándose así ás necesidades das persoas usuarias, Amicos desprazarase ata o municipio para prestar os referidos servizos, polo que a Administración local cede un espazo situado na planta baixa da Casa da Mocidade mediante un convenio, lugar que empregarán varios días por semana.