O Concello publicou a listaxe para a emenda de documentación das persoas solicitantes desta axuda, que beneficiará a máis de 3.000 menores e á que o Goberno municipal destina máis de dous millóns de euros
O Concello publicou hoxe a listaxe para a emenda de documentación das persoas solicitantes das bolsas comedor para o vindeiro curso escolar, o maior número da historia do programa con 3.949 solicitudes, o que supón 559 solicitudes máis (un 16,5 %) que o pasado curso. O prazo para emendar a documentación será do 14 ao 28 de xuño, ambos os días incluídos.
Das solicitudes recibidas, un total de 2.652 (o 78,6 %) presentaron a documentación completa, foron valoradas e terán asegurada a concesión da bolsa comedor. Un 13,9% das solicitudes recibidas teñen que emendar documentación xustificativa doutras circunstancias distintas da situación económica da unidade familiar (apartado 11 da convocatoria).
Por outra banda, un 18,9 % das solicitudes teñen que emendar documentación referida á acreditación do cumprimento de requisitos do apartado 6 e apartado 10 da convocatoria. En caso de non atender este requirimento ou non facelo adecuadamente darase por desistida a petición.
O Goberno de Inés Rey destina 2.050.000 euros para que máis de 3.000 menores poidan beneficiarse destas achegas.
Estas axudas municipais supoñen a contía total nos centros públicos e unha achega mensual de 80 euros nos centros concertados ou privados, que pode chegar a 98 euros en función de determinadas circunstancias. Vai destinada a nenos e nenas de Educación Infantil de Segundo Ciclo e Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Educación Especial.