Monday 25 de November de 2024

‘Cariño Mariñeiro’: comezan os traballos de campo para valorizar o patrimonio mariño a través de rutas tematizadas e as novas tecnoloxías


• O proxecto “Cariño Mariñeiro”, xestionado polo Concello de Cariño e financiado polo GALP A Mariña-Ortegal, valoriza o patrimonio material e inmaterial da cultura mariñeira na vila.

O Concello de Cariño foi beneficiario da convocatoria do GALP da Consellería do Mar na que se financia ao 100% o proxecto “DEFINICIÓN, DESEÑO E IMPLEMENTACIÓN DE RUTAS TEMATIZADAS PARA A PROMOCIÓN DO PATRIMONIO MARIÑEIRO DO CONCELLO DE CARIÑO -CARIÑO MARIÑEIRO”, que persigue promover a oferta de experiencias e actividades que poñan en valor o medio ambiente e o patrimonio ligado ao mar (patrimonio material, arquitectónico, natural e patrimonio inmaterial), recoñecendo ao mesmo tempo os oficios do mar e a calidade diferencial dos produtos pesqueiros e marisqueiros desta zona.

Despois da elaboración dun informe estratéxico de produto e público obxectivo do territorio de Cariño, continúan este verán os traballos de campo para a execución do proxecto Cariño Mariñeiro. Onde se definirán, deseñaran e implementarán rutas tematizadas para a promoción do patrimonio mariñeiro no concello de Cariño.

As reunións cos axentes locais implicados terán lugar nos próximos días para sacar todo o partido posible ao patrimonio mariñeiro da vila. A poboación local colaborará de forma activa aportando documentación, recordos, fotografías, e acompañamento no traballo de campo. Protagonistas e testemuñas dunha cultura mariñeira que da que non teríamos constancia, sen a súa colaboración.

Ademais, o convenio de colaboración coa “Asociación Deportiva Os Corzos do Ortegal”, será fundamental para o aproveitamento ao máximo do territorio. O seu coñecemento do terreo será de gran axuda para os labores a realizar.

Durante este ano 2022 levaranse a cabo as seguintes accións:
• IDENTIFICACIÓN DE RUTAS EXISTENTES E TRACKEADO. SENDEIRISMO E BTT. Detección de carencias, fortalezas e complementariedades á hora de deseñar novas rutas, nas que o patrimonio mariño sexa a clave. Realizaranse entrevistas ás xentes do mar para identificar contidos de interese e recursos máis salientables para poder ofertar itinerarios adaptados ao sendeirismo a pe e a BTT.
• ELABORACIÓN DE CONTIDOS EN VARIOS IDIOMAS, GRAVACIÓNS DE AUDIOS E VIDEOTESTEMUÑAS E CÓDIGOS QR. O obxectivo e visibilizar a cultura e memoria do pobo, traballando sobre a propia autoestima e identidade
• DESEÑO GRÁFICO, CREACIÓN DUN IMAGOTIPO E UN LEMA DO PROXECTO PARA DIFUSIÓN NAS SOCIAIS E IMPLEMENTACIÓN NA WEB MUNICIPAL E ACCIÓNS DE PROMOCIÓN NO TERRITORIO. Os contidos creados serán cargados na páxina web do concello, no que estará dispoñible un perfil de Wikiloc.

Ademais, deseñarase material divulgativo cun total de 300 folletos que se distribuirán entre os establecementos e equipamentos municipais para unha maior divulgación do proxecto e que chegue a diversos públicos non tan asiduos ás ferramentas tecnolóxicas á hora de buscar información sobre este tipo de actividades.