Friday 22 de November de 2024

Máis de 3.000 persoas desfrutan en Sigüeiro da programación da V Primavera no Camiño Inglés


Manuel Mirás: “singularidade, autenticidade, seguridade, calidade, patrimonio, paisaxe, cultura, gastronomía… todo isto conforma o Camiño Inglés e convidamos a que todos o descubran”

Valentín González: “traballamos por un novo modelo do Camiño que mellore o desenvolvemento económico dos municipios, sexa máis cómodo para os peregrinos e permita crear emprego”

Luís Rey: “estamos ante o labor de xestonar un legado que non é noso, que debemos transmitir ás seguintes xeracións e por iso debemos seguir traballando xuntos”

Máis de 3.000 persoas tomaron parte na quinta edición da Primavera no Camiño Inglés, celebrada hoxe na alameda de Góis de Sigüeiro (Oroso). Unha iniciativa organizada pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés, en colaboración coa Deputación da Coruña e o Concello de Oroso, para poñer en valor os múltiples atractivos etnográficos, culturais, naturais e gastronómicos desta ruta, que conecta Ferrol e A Coruña con Santiago de Compostela.

A inauguración institucional do evento correu da man de Manuel Mirás Franqueira, presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, quen convidou a todas as persoas presentes a “descubrir o Camiño Inglés. Porque fronte á masificación doutras rutas, nós ofrecemos singularidade. Fronte a camiños so por terra, nós contamos cos encantos da costa atlántica e do interior coruñés. Porque fronte a camiños asfaltados, nós conservamos tramos e paraxes como as que descubriron os primeiros peregrinos a Compostela, aló polo século once”.

Neste sentido, destacou que “singularidade, autenticidade, seguridade, calidade, patrimonio, paisaxe, cultura, gastronomía… todo isto conforma o Camiño Inglés e todo isto está presente hoxe en Oroso”. Mirás Franqueira lembrou que esta edición de Primavera no Camiño Inglés se celebra en Oroso porque “se van cumprir os trinta anos dunha reunión do Comité técnico da Asemblea de Alcaldes do Camiño Real. Unha reunión que podemos dicir que foi o berce desta Asociación. Por iso hoxe, case 30 anos despois, é xusto agradecer o traballo realizado polos representantes políticos e traballadores municipais dos 18 municipios presentes hoxe en Oroso, así como o apoio da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia”.

Novo modelo do Camiño

Pola súa banda, o presidente da Deputación da Coruña salientou que “levamos tempo traballando para construír un novo modelo do Camiño, apostando por un turismo seguro, sustentable, e accesible, que faga da provincia da Coruña un destino atractivo para os turistas, tanto a nivel nacional como internacional. Un modelo que tamén apoie a reactivación económica, e máis tras os anos de pandemia, que fixo estragos na economía do país”.

Unha aposta que inclúe melloras na seguridade e accesibilidade do Camiño, como a sinalización da ruta con puntos QR que achegan información de interese aos peregrinos e peregrinas ou a recuperación das fontes de auga potable a través do Proxecto LIFE WATER WAY. García Formoso tamén lembrou as campañas de promoción nas illas británicas, onde se realizou xa a sinalización dos dous primeiros tramos do Camiño Inglés dende o seu inicio na Abadía de Finchale, preto de Escocia. “O último proxecto consistiu nunha creación dunha guía do Camiño Inglés escrita en italiano, que presentamos en Roma, co obxectivo de promocionar o itinerario nese mercado. Todas estas melloras, e outras moitas, que levamos facendo desde hai anos fan que Camiño inglés sexa una aposta segura, divertida, sostible e chea de experiencias positivas para todos aqueles que o desfruten”, salientou o presidente provincial.

Valentín González Formoso asegurou que “o Camiño é unha fonte de riqueza moi forte para algúns municipios, así que temos que aproveitalo e sacarlle o máximo partido” e destacou que coas actuacións promovidas dende a Deputación da Coruña e a Asociación de Concellos do Camiño Inglés, “non só conseguimos melloras no desenvolvemento económico dos municipios, non só conseguimos unha maior comodidade e facilidade para os peregrinos e peregrinas, senón que tamén contribuímos a unha maior creación de emprego”.

A riqueza do Camiño

Nava Castro, quen escusou a ausencia do presidente da Xunta, destacou que “temos unha riqueza que é o Camiño de Santiago, especialmente o Inglés que nos une con Europa, con Inglaterra, Irlanda, os países nórdicos, a Bretaña francesa…”. Así, lembrou que o turismo representa o 11% do PIB, “iso quere dicir que de cada 100 euros que chegan ao Concello de Oroso, 11 son do gasto do turista, e representa ademais o 10% do emprego”.

A directora de Turismo de Galicia salientou que “cando se fala da España vaciada, da terra envellecida, de fixar poboación… pois iso é o que posibilita co Camiño e, en concreto, o Camiño Inglés. Só hai que preguntarlles aos alcaldes aquí presentes a riqueza e o desenvolvemento económico que propicia o Camiño”.

Concello de Oroso

Finalmente, Luís Rey Villaverde sinalou que “como alcalde de Oroso síntome honrado e estou feliz de darvos a benvida a esta quinta edición da Primavera no Camiño Inglés, unha iniciativa que representa á perfección a riqueza e o patrimonio dos territorios polos que pasa esta ruta milenaria, así como os valores do propio Camiño”.

O alcalde destacou que “estamos ante o labor de xestionar un legado que non é noso, senón que pasa por nós. É unha responsabilidade enorme, xa que debemos garantirlles ás seguintes xeracións que estes valores perduren, e por iso debemos seguir traballando xuntos. Este é tamén o camiño axeitado”.

Tras convidar aos presentes a gozar da xornada e a participar nas degustacións preparadas dende a Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Luís Rey lembrou que “só hai unha cousa máis importante que gozar da xornada de hoxe, que é que vos acordedes de volver a Oroso e a Sigüeiro moitas máis veces ao longo do ano, porque temos moitos atractivos para ensinar e gozar”.

Homenaxe a Santiso Miramontes

A presentación oficial rematou coa entrega dunha placa conmemorativa ao alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso Miramontes, por todo o traballo que leva facendo a prol do Camiño Inglés e que culminou este ano co proxecto LIFE WATER WAY, que permitiu a creación dunha rede de 28 fontes públicas de auga potable nos 18 municipios do Camiño Inglés. Un proxecto europeo que supuxo un investimento de máis de 973.000 euros, dos que 370.000 foron achegados pola Unión Europea e o resto pola Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.

Mirás Franqueira asegurou que “este proxecto non é máis ca unha xustificación para o que é un recoñecemento a toda unha vida de traballo polo Camiño Inglés, pois José Antonio é unha das persoas máis comprometidas co Camiño porque se trata dunha persoa comprometida coa súa terra”.

Tras facer un recoñecemento aos técnicos que traballan na organización da Primavera no Camiño Inglés, personalizado na xerente da Asociación, Cristina García, Santiso Miramontes explicou que o proxecto Life Water Way “pareceunos unha excelente idea trasladalo ao resto dos concellos e a distintas administracións. Participaron desde a propia Reserva da Biosfera que presido eu como alcalde de Abegondo, o Instituto Tecnolóxico de Galicia, Augas de Galicia, Sanidade e a Deputación da Coruña. Porque facer unha labor política é mirar polo interese xeral e iso quere dicir que todos debemos participar independentemente da cor política”.

Neste sentido, fixo fincapé en que “sentinme orgulloso de que todas as persoas que me mencionaron hoxe fixérono como amigo. Non sei se iso se consegue cos anos ou por intentar ser unha persoa de consenso, pero o máis importante é que todo o que fagamos sexa polo interese dos nosos cidadáns”. Por iso, asegurou estar “moi orgulloso deste recoñecemento, pero máis de ser un elemento consensuador”.

Actividades gratuítas

O tempo acompañou a esta V Primavera no Camiño Inglés, animando a centos de persoas a desprazarse ata Sigüeiro para desfrutar da variada programación establecida. Por unha banda, os 18 municipios polos que discorre esta ruta xacobea (A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Cambre, Carral, Culleredo, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela) deron a coñecer nos seus stands a súa variada oferta turística, cultural e gastronómica. Ademais, todos os peregrinos que se achegaron polo posto da Asociación de Concellos do Camiño Inglés levaron un agasallo.

Durante a mañá, showcookings e obradoiros centraron a atención. Especialmente participativos estiveron os dous talleres promovidos polo Concello de Mesía: o obradoiro infantil de barro de Brañas de Valga (Mesía), onde os artesáns Antón Román e Susana González non só lles ensinaron aos pequenos a faceren as súas propias pezas, senón que lles deron instrucións para seguir dando rolda libre á súa creatividade nas súas casas; e o obradoiro de xabóns de Arxila de Brañas de Valga, a cargo da artesá Claudia Moar. Se ben para gozar das creacións deste último haberá que agardar como un mes a que o xabón estea listo para ser usado.

Agárdase unha participación semellante nos talleres de chapas (Culleredo), elaboración de barcos de papel (Ferrol) e especialmente no de elaboración de pan de Neda, que acompañou aos showcookings e degustacións do Escenario da Rede Stelar. Durante a mañá, Daniel López, do restaurante ferrolán “O camiño do Inglés”, cubriu todas as prazas do seu showcooking “Dieta ártabra”, ao igual que o showcooking de marisco realizado por Cunchas Casaprima, de Pontedeume.

Así mesmo, houbo unha gran acollida á degustación de troitas de Oroso, acompañadas de pan de Carral e de Neda, e dun dos grandes descubrimentos da xornada: o Bolo Mariñeiro, unha especialidade que mestura pan, queixo, cebola e marisco chegada da man do Concello de Miño. A xornada matutina tamén incluíu unha cata comentada da IXP de Betanzos de viños certificados na marca da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas.

A música correu a cargo dos grupos folclóricos orosáns “Lembranzas do Tambre” e “Buxos Verdes”, e da Banda Xuvenil Airiños de Fene. Para a tarde está programado dous concertos: Arnela (Carral) e da Banda de Música de Arzúa; así como as actuacións do grupo folclórico “Argalleiros” (Oroso) e das Pandereteiras de Oroso.