Friday 22 de November de 2024

Comeza un novo curso de nutrición e dietética en xeriatría con prácticas de empresa


A formación forma parte do proxecto Coruña Suma, orientado a persoas en situación de desemprego

O curso comezará a impartirse o luns 13 de xuño, e finalizará o 5 de outubro

O Concello da Coruña, a través da concellaría de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, pon en marcha un curso sobre nutrición e dietética en xeriatría para persoas desempregadas con especiais dificultades para atopar emprego. O curso enmárcase no proxecto Coruña Suma (AP-POEFE), unha iniciativa cofinanciada polo Fondo Social Europeo que pretende mellorar a inserción laboral de persoas en desemprego.

As accións formativas a desenvolver este ano no proxecto Coruña Suma (AP-POEFE) céntranse en 4 áreas principais: administración e xestión, informática e comunicacións, atención a persoas dependentes e hostalaría e turismo.

O curso de nutrición e dietética enmárcase na rama de atención a persoas dependentes e ten como obxectivo aprender a establecer dietas que se adapten mellor ás necesidades das persoas maiores, en función do seu estado nutricional. As clases comezarán o vindeiro luns 13 de xuño e teñen previsto finalizar o 5 de outubro, cun total de 15 prazas dispoñibles.

Impartirase de luns a venres en horario de mañá, de 9.30 h a 14.30 h, facendo unha parada no mes de agosto.

A formación iniciará o vindeiro luns 13 de xuño e ten previsto finalizar o 05 de setembro, o que equivale a 265 horas de formación. Impartirase de luns a venres en horario de mañá, de 9.30 h a 14.30 h, e ten un total de 15 prazas dispoñibles.

A formación, que é totalmente gratuíta, oferta prácticas en empresas en hospitais, centros xeriátricos, centros de día etc., permitindo a posibilidade de poñer en práctica as habilidades adquiridas na fase teórica. Unha oportunidade que non só favorece á súa empregabilidade senón tamén á súa consolidación dentro do mercado laboral.

Toda a formación conta cunha orientación individualizada e un módulo de Coaching laboral para a mellora das habilidades na busca de emprego. Ademais, durante os seis meses seguintes á súa finalización, realízase un labor de acompañamento na procura de emprego.

Para acceder á formación é preciso solicitar unha cita de orientación laboral co persoal técnico do proxecto Coruña Suma (AP-POEFE), xa que un dos obxectivos é axustar as expectativas profesionais das persoas e os sectores con maiores posibilidades de atopar emprego no Concello da Coruña.

Ademais, existe a posibilidade de que as persoas participantes nas accións formativas conten cunha axuda por asistencia se cumpren os requisitos establecidos polo Fondo Social Europeo.

Coruña Suma forma parte da batería de medidas postas en marcha polo goberno de Inés Rey durante o actual mandato para o fomento do emprego.

Continúan os cursos de Coruña Suma
O proxecto Coruña Suma ten previsto o inicio de outros 6 cursos de formación para persoas desempregadas. Ata o mes de setembro comezarán os seguintes cursos:
● 7 de xullo. Rexistros contables.
● 11 de xullo. Programación orientada a obxectos con JAVA.
● 14 de xullo. Técnicas administrativas básicas de Oficina.
● 26 de xullo. Alteracións dexenerativas, demencias e Alzhéimer.
● 1 de setembro. Técnicas de recepción e comunicación.
● 15 de setembro. Xestión comercial de clientes con novas tecnoloxías.
A información do proxecto Coruña Suma pode consultarse na seguinte ligazón:
https://www.coruna.gal/emprego/gl/coruna-suma.

Pódese solicitar tamén información chamando ao Centro Municipal de Emprego dos Rosales (981 184 399) ou mandando un e-mail a coruna.suma@coruna.gal