Friday 22 de November de 2024

A segunda edición da “Feira do motor de Narón” desenvolverase a do 17 ao 19 de xuño no polígono de Río do Pozo


O estacionamento de camións do polígono de Río do Pozo acollerá por segundo ano consecutivo a “Feira do motor de Narón”. O edil de Feiras e Mercados, Santiago Galego, anunciou esta mañá que o evento se desenvolverá do 17 ao 19 de xuño, incluídos, de 10.00 a 20.00 horas. A entrada será de balde e as persoas que se acheguen terán a oportunidade de ver unha exposición con máis de 200 vehículos.

Galego indicou que participarán no evento un total de oito concesionarios da zona: Antamotor, AutoGándara, Corgal Automóviles, Grupo Breogán, Grupo Caeiro, Manuel Rey, Priorauto e Tesla. Así mesmo, estarán presentes para a modalidade de compra-venda Ártabra Autos e V.O. Ferrol.
Na segunda edición da “Feira do Motor de Narón” haberá vehículos novos, quilómetro cero, de ocasión, de segunda man, industriais, motocicletas e autocaravanas, que nalgúns casos terán descontos promocionais. A inauguración da feira levarase a cabo na tarde da primeira xornada, o venres 17, nun acto no que participará o edil de Feiras e outros representantes da corporación local naronesa.

A maiores, tamén se levarán a cabo unha serie de actividades paralelas que se concretarán a vindeira semana, segundo apuntou Galego. “Será unha feira moi completa, centrada nos automóviles pero á que este ano queremos dar un pequeno cambio coa incorporación doutras actividades que confiamos que sexan do agrado de todas as persoas que se acheguen a este evento”, apuntou o concelleiro naronés.
A información relativa a este evento poderase consultar nas webs: www.naron.es e www.feiradomotordenaron.es.
Dende o Concello animan á cidadanía a acudir a esta convocatoria, onde poderán ver unha gran variedade de vehículos.