O Concello continúa a dinamizar espazos singulares da cidade como este mercado municipal, no que se celebrarán diferentes actividades entre o venres 10 e o domingo 12
O mercado municipal de San Agustín acolle esta fin de semana unha nova edición do Mercado das Nubes, un evento trimestral que conxuga diferentes propostas gastronómicas, artísticas, artesanais e relacionadas co mundo da moda. Esta iniciativa conta co apoio activo do Concello da Coruña e celebrarase no primeiro andar deste espazo municipal.
O Mercado das Nubes de verán comezará este venres (de 17.00 a 21.00) e prolongarase durante as xornadas do sábado (11.00 a 21.00 horas) e do domingo (11.00 a 18.00 horas).
Contará con 50 iniciativas de persoas, microempresas e marcas emerxentes. Ademais, esta iniciativa aposta pola integración dos praceiros e praceiras do propio mercado a través da actividade ‘As tapas do Mercado’, organizada por Estrella Galicia, e do sorteo de experiencias no museo MEGA pola compra nos seus postos durante estes días. Estarán presentes destacados cociñeiros coruñeses.
Por outra banda, cederase un espazo solidario á asociación AGA Ucraína, que informará do seu labor na cidade. As persoas asistentes poderán doar e mercar produtos solidarios.
Haberá tamén actuacións musicais o venres e o sábado ás 19.00 horas e un espazo infantil con obradoiros e outras actividades.
Con esta iniciativa, o Goberno municipal de Inés Rey busca dinamizar os mercados da cidade con actividades complementarias á venda de produtos nos postos nestes espazos. O Concello promove máis eventos no primeiro andar do Mercado de San Agustín, como o festival Boucatise ou obradoiros infantís polo Samaín.