Saturday 16 de November de 2024

O primeiro fío con la 100% galega e cabanesa, presentado no Paseo da La


Un desfile de moda, faladoiros e unha pequena feira de produtos artesanais completan a oferta de actividades

O Concello de Cabanas acolle esta fin de semana o “Paseo da la”, un evento nado coa pretensión de ser a primeira Feira Internacional de La Artesá con Denominación de Orixe, converténdose nun lugar de encontro das diferentes las de orixe España e do mundo.

Logo do desfile de pezas elaboradas de maneira artesanal celebrado onte no Piñeiral da Madalena, na mañá de hoxe tivo lugar a inauguración oficial, na que participaron o alcalde de Cabanas, Carlos Ladra, a subdelegada do Goberno, María Rivas, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, a secretaria territorial da Xunta, Patricia Busto, ademais das organizadoras do evento, Beatriz Carbón e Lola Logaro.

Durante o acto presentouse o primeiro fío de la elaborado a partir de la de ovella con Denominación de Orixe de raza autóctona galega, criadas ademais en Cabanas. Co obxectivo de amosar as súas posibilidades, no evento tamén se amosou a primeira peza deseñada e elaborada con esta la, a peza “xoaniña”, unha creación de Lola Logaro.

“Esta feira nace cunha clara pretensión de continuidade, para poñer en valor un produto de calidade como a la producida en Cabanas, coa que dar forma a pezas únicas” sinalou o alcalde de Cabanas, Carlos Ladra, quen lembrou que o Concello traballa na montaxe dun Museo da La, que terá a súa sede nas instalacións da Escola Laica.

As actividades continúan ao longo deste sábado e durante o domingo, coa celebración da I Feira Lanar con Denominación de Orixe Artesá, varios obradoiros sobre as las con D.O., técnicas textiles e manexo da la e unha mostra de tecido en público aberto a toda persoa que queira sumarse, coincidindo co Día Mundial de Tecer en Público.